O Consello Asesor do Museo de Pontevedra encara 2021 como un ano decisivo

No 2020 aprobouse a rehabilitación dos edificios centrais, a nova imaxe corporativa e a adquisición do álbum Nós de Castelao
Museo de Pontevedra. AEP
photo_camera Museo de Pontevedra. AEP

O Museo de Pontevedra cumpre nestes días un ano da andadura co seu novo Consello Asesor. En xaneiro de 2020 celebrábase a súa reunión de constitución para dar paso a un exercicio singular marcado pola covid e pola intensa actividade e polos fitos históricos e decisivos para o futuro da institución.

O ano 2020 quedará nos anuarios como o do visto bo ao proxecto de rehabilitación dos edificios centrais, á construción do inmoble para arqueoloxía en Valdecorvos, á aprobación da nova imaxe corporativa e á adquisición definitiva do álbum Nós de Castelao, un dos fondos máis singulares para as súas coleccións propias. Todos estes temas serán afrontados no actual 2021 como os eixos de traballo a consolidar.

O vicepresidente César Mosquera considera que o traballo do Consello Asesor, integrado pola arqueóloga Beatriz Comendador, o empresario das industrias culturais Kin Martínez, a directora de Esdemga Lola Dopico, a artista Menchu Lamas, o crítico de arte Ramón Rozas, a arquitecta Teresa Táboas e o pedagogo e escritor Xaime Toxo, ten "demostrado" nas súas diferentes xuntanzas a súa dedicación, compromiso e entusiasmo co Museo.

Os integrantes do Consello Asesor trataron temas chave para o futuro do Museo e para botar a andar o Plan Xeral de Acción do Museo presentado polo seu actual director, Xosé Manuel Rey, a cinco anos vista. Un dos aspectos máis salientables foi a aprobación da proposta para a rehabilitación dos inmobles centrais no centro histórico de Pontevedra.

Comentarios