Convocan unha manifestación antitaurina en Pontevedra para este sábado

A protesta coincide coa primeira corrida da Feira da Peregrina
Plaza de Toros de Pontevedra. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera Plaza de Toros de Pontevedra. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

O colectivo Touradas Fóra de Pontevedra convocou para este sábado, a partir das 20.00 horas, unha manifestación para protestar contra a celebración de corridas de touros na praza de San Roque que acollerá este mesmo día o primeiro dos festexos da Feira da Peregrina cos toureiros Julián López El Juli, José María Manzanares e Tomás Rufo. 

A portavoz da asociación, Vicky Estévez, animou a toda "a cidadanía antitaurina de Pontevedra" a participar nesta mobilización de protesta e incidiu en que "nestes dous anos de pandemia a cidadanía botaba de menos os concertos, os festivais e as festas, pero ninguén botou de menos as corridas de touros". 

Por iso, desde a asociación Touradas Fóra de Pontevedra reclaman un maior apoio do goberno local. 

Este ano, ademais de situarse en contra deste espectáculo, os antitaurinos mostran tamén o seu rexeitamento á presenza de carteis promocionais das corridas na vía pública. "Estamos a barallar a posibilidade de denunciar este feito", manifestou. 

Aínda que se seguen celebrando corridas en Pontevedra, desde o colectivo antitaurino festexan que "ano tras ano" o seguimento e apoio público a estes espectáculos "decrece". 

Igualmente, criticaron a Lei de Benestar Animal da Xunta xa que "se hai touros en Pontevedra é porque a Xunta retira a lidia da lei de Benestar Animal". 
 

Comentarios