Corenta xeitos de saborear unha cervexa en Pontevedra

Pontus Lupulus clausurouse este domingo con concertos, actividades para nenos e catas de cervexa

Os pontevedreses amantes da cervexa están de parabén. Por terceiro día consecutivo puideron gozar de ata 40 cervexas artesás distintas en pleno centro de Pontevedra. A segunda edición Pontus Lupulus, que está a ter moi boa acollida, clausúrouse este domingo cun amplo programa de actividades. Os organizadores deste certame pensaron en todas as idades. Así, para os máis pequenos volveu haber un contacontos da man de Libraría Patakafrita que se celebrou a partir das 12.00 horas. Pola tarde, tivo lugar un taller infantil de manualidades ás 16.45 horas. 

A música foi outro dos pratos fortes da xornada. Tras os concertos de Mike Grelo e Curmán, que abriron o festival na noite do pasado venres, ou Gonzalo Arca, que protagonizou o da noite do sábado, este domingo foi a quenda de Dead Wood, que se subiu ao escenario para acompañar a unha boa cervexa e unha tapa ás 14.00 horas, e Eladio dos Santos, cuxo concerto dió comezo ás 19.00 horas. 

A segunda edición de Pontus Lupulus enmárcase ademais na feira Etiqueta Negra de produtos gourmet elaborados en Galicia e que chegará á cidade do Lérez os próximos 12, 13 e 14 de novembro

Pero ademais, durante todo o día sucedéronse as actividades entre sorbo e sorbo de cervexa. O recinto situado na Praza de España acolleu ás 13.00 horas un didáctico taller de elaboración de compota e piruletas de mazá, que estivo impartido por ‘A despensa na terra’. Pola tarde tivo lugar unha nova cata de cervexas ‘Frikadas’ (17.30 horas) e tras o concerto de Eladio dos Santos procedeuse ao sorteo de botellas das marcas participantes (20.30 horas). Finalmente, clausúraa do festival chegou ás 22 horas. 

ETIQUETA NEGRA. Unha decena de produtores galegos ofreceron desde o pasado venres decenas de cervexas artesás, todas elas únicas e de elaboración propia, que se poden adquirir a partir de dous euros en barril ou en botella durante todo a fin de semana. 

Nos distintos postos que completan esta feira cervexeira puidéronse atopar marcas como Cervexa Faxilda, Samaragal, Menduíña, Nós, Meiga e Galponbier, todos eles produtos elaborados na provincia de Pontevedra; así como as cervexas Santo Cristo e Áncora, que proceden de Ourense; Cervexa Kel’s, que chega desde A Coruña, e Cata Craft, de Ponferrada. 

A segunda edición de Pontus Lupulus enmárcase ademais na feira Etiqueta Negra de produtos gourmet elaborados en Galicia e que chegará á cidade do Lérez os próximos 12, 13 e 14 de novembro. Este evento pretende mostrar tanto a ampla variedade de alimentos e bebidas de alta calidade que se están facendo en Galicia, caso das cervexas que se ofrecen en Pontus Lupulus, como os procesos de innovación de produtos, sabores e envases reunindo nun mesmo espazo a profesionais do sector, produtores e consumidores.

Comentarios