A corporación provincial percibirá neste mandato dúas dedicacións exclusivas e 14 parciais que sumarán uns 47.718 euros brutos ao mes (ou, o que é o mesmo, 668.000 euros brutos ao ano en 14 pagas). En concreto, a presidenta, Carmela Silva, recibirá 5.440 euros brutos mensuais e os demais deputados do PSOE repartiranse dez parciais en distinta porcentaxe.
Os únicos socialistas que non cobrarán dedicación son a responsable de Igualdade, Isaura Abelairas, e o de Deportes, Gorka Gómez; mentres que entre os demais o importe variará: Carlos López Font percibirá 4.909 euros brutos ao mes; Santos Héctor e Ana Laura Iglesias 3.273 cada un e os demais cobrarán 2.454 por cabeza.
Na á nacionalista do Goberno provincial, o único dos tres deputados con dedicación será Uxío Benítez (4.546 euros brutos ao mes). E na oposición, o PP queda con catro parciais de 2.273 euros brutos mensuais cada unha e que serán para a pontevedresa Pepa Pardo, a budetense Elena Estévez, a redondelada María del Carmen Amoedo e o porriñés Manuel Alejandro Lorenzo.
No BNG só Benítez terá salario, de 4.546 euros mensuais
A maiores, cada grupo político terá unha dotación mensual fixa de 2.000 euros por partido, máis 900 euros por cada un dos seus membros, de maneira que este último concepto reportará 11.700 ao mes ao PSOE por ter trece deputados, 9.900 ao PP por contar con once integrantes e 2.700 ao BNG polos seus tres representantes. No pasado mandato, a dotación fixa para os partidos era de 1.500 euros, pero ao desaparecer Marea da Corporación, a repartición toca a algo máis.
En canto aos gabinetes, o de Presidencia terá trece traballadores eventuais cuxos salarios sumarán 575.530 euros brutos ao ano (o máis elevado ascenderá a 70.421 e o máis baixo a 29.160 euros brutos anuais) e o de Vicepresidencia contará con catro traballadores, tamén eventuais, que percibirán unha suma anual de 192.384 euros a repartir entre os catro en distintas porcentaxes.
No que respecta ao persoal ao servizo dos grupos políticos provinciais, o PSOE terá tres cuxas asignacións suman 112.260 euros, o BNG un cunha asignación de 34.939 e o PP outros tres por un total de 90.000.
No PP haberá catro dedicacións de 2.273 euros cada unha
Todos estes conceptos foron aprobados de forma unánime polo Pleno da Deputación nunha sesión extraordinaria que se desenvolveu nun clima de consenso total. O PP só se abstivo na votación sobre o nomeamento de representantes nos órganos colexiados, pero apoiou todos os demais puntos. O seu portavoz, Jorge Cubela, incluso comezou a súa intervención felicitando á presidenta, Carmela Silva, pola súa onomástica, ademais de acordarse dos concellos que festexaron o día do Carmen. Con todo, o popular indicou que o voto favorable do seu grupo "non significa un cheque en branco", aclarando que o seu partido fará oposición" e "disentirá cando sexa necesario", porque "a señora Silva e o señor Mosquera, aínda que non o saiban moitas veces, non sempre teñen a razón e os cidadáns non entenderían que o PP non tivera un criterio propio". Cubela reiterou que espera que o acordo deste martes "sexa o primeiro de moitos máis" e "o inicio dunha etapa na que Goberno e oposición se entendan" con "lealdade" e abrindo "unha nova etapa".
Esa cordialidade foi agradecida por López Font e por Silva. De igual xeito, o vicepresidente, César Mosquera, manifestou o seu desexo de que a proposta de organización aprobada "sexa a base para un mandato no que poidamos traballar todos de forma razoable".
CHAMAMENTO. O nacionalista tamén sinalou que tanto as dedicacións como o tamaño dos gabinetes está "moi lonxe do límite máximo que fixa a lei" e cualificou de bastante "desagradable" que a corporación teña que "poñer enriba do tapete e airear con morbo enfermizo" cuestións como as retribucións dos deputados e dos membros dos seus equipos. Neste sentido, sinalou que tanto a Administración estatal como a autonómica teñen "fixado nos regulamentos orgánicos dous parlamentos" este tipo de cuestións, evitando o ter que votalas cada catro anos.
E MÁS. A esta crítica sumouse a presidenta provincial, que tamén lamentou que a Administración local "sexa a única que, cando se inicia un mandato, non ten xa recoñecidos os recursos que vai ter", algo que non sucede nin no Congreso, nin no Senado, nin no Parlamento ou o Goberno galegos. Sinalou que, a diferenza das deputacións e os concellos, nesoutras institucións "non hai discusión social, nin cuestionamento, nin ataque á toma de decisións" sobre os recursos e dedicacións para os seus membros e criticou que, pola contra, os deputados, alcaldes e concelleiros "estamos sempre no ollo do furacán con cuestionamentos" sobre os salarios e dereitos a pesar de que "os representantes da Administración local somos os que adicamos máis horas e máis traballo ao servizo público" e por iso "deberiamos ser os que tivesemos máis recursos". En base a estes argumentos, fixo un "chamamento aos lexisladores" para modificar ese sistema que cualificou de tremendamente "inxusto".