Costas autoriza ao Concello para a creación dun parque nos Praceres

A nova área verde urbana situarase nas inmediacións da depuradora e ocupará unha superficie de 17.210 metros cadrados
Vista aérea de la depuradora de Os Praceres. M.B
photo_camera Vista aérea de la depuradora de Os Praceres. M.B

O Servizo Provincial de Costas autorizou ao Concello de Pontevedra a acometer traballos de restauración ambiental e paisaxística da zona de dominio público marítimo-terrestre nos Praceres para a creación dun parque.

Así o anunciou este xoves a subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, que detallou que, de acordo co proxecto remitido ao Servizo Provincial de Costas, o novo parque situarase nas inmediacións da depuradora e ocupará unha superficie de 17.210 metros cadrados.

En concreto, o parque estará conformado por un paseo circundante con zonas de estar asociadas e unha área verde no núcleo central delimitada por árbores e destinada ao lecer e o deporte.

Mediante esta actuación búscase minimizar o impacto visual na zona, que se atopa en estado "de abandono", e integrar o parque no tecido urbano. Así, a subdelegada do Goberno en Pontevedra explicou que a proposta "propón a restauración paisaxística dunha zona actualmente degradada para destinala ao uso público, xeral e gratuíto" e é compatible cos usos comúns previstos a Lei de Costas.

Así mesmo, o proxecto recibiu o informe favorable da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda. En todo caso, Maica Larriba apuntou que se trata dunha autorización temporal. Por iso, podería ser revogada pola Administración Xeral do Estado se se impide a súa utilización para actividades de maior interese público, menoscábase o uso público ou resulta incompatible coa normativa aprobada con posterioridade.

Comentarios