A covid-19 deixa as autoescolas a un 50%

O sector comeza a súa recuperación a contagotas, aplicando na aula e nos vehículos as medidas hixiénicas para a prevención de contaxios
2020060313042641679
photo_camera Unha alumna realizando unha clase práctica no coche dunha autoescola. GONZALO GARCÍA

As autoescolas volveron á vida. Tras permanecer pechadas os dous primeiros meses e medio do estado de alarma adoptado pola aparición da covid-19, os alumnos están a volver ás aulas de educación viaria "a contagotas", segundo explica o presidente da Federación Provincial de Autoescolas da provincia de Pontevedra, Alberto Bugallo.

O protocolo de seguridade que o Goberno central aplicou a este tipo de centros formativos obriga a reducir o número de clases prácticas por profesor porque tamén se precisa do tempo necesario para a desinfección do vehículo cando os alumnos se van turnando na condución. Ademais, o aforamento da academia reduciuse en dous terzos para garantir que se manteña a distancia social de dous metros fixada polas autoridades sanitarias para a prevención de contaxios.

"Cando antes da pandemia nunha clase cabían entre 15 e 20 alumnos agora está limitado a un máximo de seis ou sete, dependendo da configuración da aula", subliña Bugallo, que tamén dirixe a autoescola Roda de Vigo.

Gon Autoescola Chaves (Cobian Roffignac). Clases teoricas.

Aínda que considera que nestes momentos "é difícil de valorar" como afectará a actual situación de alerta sanitaria á matriculación de alumnos nas autoescolas de cara ao inminente inicio do verán, o presidente da Federación Provincial indica que as academias están a atender persoas que demandan información para a obtención dos permisos de condución durante a tempada estival, sobre todo de estudantes que aproveitan as vacacións para acudir aos centros de formación viaria.

"Moita xente sabe da necesidade de contar cos permisos de conducir porque é consciente da necesidade que ten de contar con esta autorización nun tempo no que comeza a poñerse en auxe o transporte privado en detrimento do transporte público", subliña Bugallo en referencia á promoción que está a realizar o Goberno central para a utilización do vehículo particular como forma de evitar a propagación do coronavirus.

Neste sentido, o presidente da Federación Provincial de Autoescolas prognostica de cara ao verán un progresivo aumento no número de alumnos que acudirán aos centros de formación a obter os permisos tipo B (turismo) e profesionais ("o sector do transporte está a reclamar camioneiros"), ademais dos permisos de moto que, vaticina, "van dar un tirón grande". En todo caso, confía en que a Dirección Xeral de Tráfico poña os medios necesarios para axilizar a realización dos exames.

"Xa están programados exames de teórica, de recuperación do permiso por puntos e van empezar os de circulación (na actualidade están a levarse a cabo as probas que quedaran pendentes pola declaración do estado de alarma), pero as autoescolas dependemos da capacidade que teña Tráfico para ofrecernos un servizo adecuado axustado ás circunstancias sanitarias que estamos a vivir".

A crise económica aparellada á de índole sanitaria figura como unha das causas polas que aos alumnos lles está custando decidirse a obter o carné o conducir

Alberto Bugallo recorda que antes da aparición da pandemia ocasionada polo novo virus o sector das autoescolas tiña unhas perspectivas "moi boas" para este ano, seguindo a evolución destes últimos tempos nos que, asegura, "crecera a demanda dos permisos de circulación".

Iginio Rodríguez, profesor da Autoescola Chaves —centro formativo que reabriu as súas portas o pasado 26 de maio—, indica que a recuperación da actividade está a ser "a contagotas" non só pola extrema precaución de índole sanitaria coa que a cidadanía está a afrontar o plan para a nova normalidade, senón tamén polo golpe que o coronavirus ocasionou na economía doméstica, con Expedientes de Regulación Temporal de Emprego (ERTE) que supuxeron unha diminución nos ingresos das familias.

A económica é, precisamente, a principal dificultade coa que se atopan moitas persoas á hora de obter o permiso para circular en moto. E é que o protocolo de seguridade sanitaria específico para as autoescolas determina que serán os propios alumnos os que deberán achegar o equipamento necesario para subirse a este vehículo e realizar as prácticas, como as proteccións e o casco, un requisito que lles supón un custo engadido.

O profesor da Autoescola Chaves está convencido de que este verán vai ser, no que respecta á actividade neste centro, "totalmente diferente" ao de anos anteriores, cunha menor presenza de alumnos na aula.

Redúcense as clases prácticas por profesor

A Autoescola Pontevedra foi outro dos centros de educación viaria que viron afectada a súa actividade pola alarma sanitaria da covid-19. "A maioría dos alumnos que estaban máis preparados para someterse ao exame de conducir deixaron de vir. Outros alumnos están a retomar as clases de forma progresiva porque necesitan obter o carné para atopar traballo. Empezamos a notar certo movemento", explica Marcos Damota, director do centro.

Ademais das excepcionais medidas sanitarias que puxo en práctica a Autoescola Pontevedra na súa aula de teórica (con limpeza xeral tres veces ao día), tamén cumpre co protocolo de desinfección dos vehículos de prácticas. "Desinfectamos os coches cada vez que pasan dun alumno a outro e pola noite, ao acabar a xornada, tratámolos con ozono".

Ademais, Damota non se atreve a prognosticar como vai resultar a tempada de verán en canto á asistencia de alumnos á aula de formación viaria. "Nin os propios estudantes saben a estas alturas como van finalizar o curso académico. A proba da ABAU (antigo Selectivo) realizarase máis tarde este ano, polo que moita xente esperará a realizala para comezar a súa preparación para sacar o permiso de conducir".

Oposicións | "Ter carné de conducir dá máis puntuación"
Carmen Cidre e Erika Otero, administrativas da Autoescola Peregrina, cualifican de moi "estraña" a actual situación que están a vivir no centro de educación viaria neste tempo de pandemia. "Retomamos a actividade recentemente e aínda estamos a nos afacer á nova realidade", aseguran. "Criamos que a xente ía ter medo a acudir á autoescola pero estamos a notar un fluxo continuo", sinalan. 

No entanto, móstranse moi cautas á hora de prognosticar cal será o volume de actividade no próximo verán, xa que a realización dos exames nos centros educativos poderían afectar o número de estudantes que adoitan aproveitar a tempada de vacacións para obter o permiso de condución. 

Coa reapertura do centro volveron os alumnos que cando o Goberno declarou o estado de alarma xa estaban listos para enfrontarse aos exames teórico e práctico. "Hai interese por sacar o carné de conducir no verán, con moita xente que ao estar afectada por un ERTE optou por redireccionar a súa vida laboral e pretende concorrer a oposicións. Ter o permiso de conducir suponlles maior puntuación", explican as traballadoras da Autoescola Peregrina.