O covid eleva o interese polas escolas unitarias rurais

Contacto coa natureza, atención personalizada e convivencia de alumnado de distintas idades son as fortalezas destes centros do rural que cada ano vén ameazada a súa continuidade
photo_camera Os pequenos de Romai xogan coas follas da carballeira que teñen xusto ó lado da escola. GONZALO GARCÍA
A chegada de marzo pon en cuestión cada ano a continuidade das escolas unitarias rurais. A baixa natalidade unida á concentración da poboación nas cidades fai que, polo xeral, non pasen de dez os alumnos que cursen a etapa Infantil nunha Escola Unitaria ou nun Centro Agrupado Rural (escolas unitarias cercanas que unen servizos e recursos). En Galicia existen actualmente oitenta escolas unitarias e 26 CRA que dan clase a arredor de 3.000 nenos e nenas de entre tres e oito anos.

A educación en contacto coa natureza, en pequenos grupos de distintas idades e a atención moi personalizada ó tratarse de ratios moi baixas son as principais bazas destas escolas que en tempos de pandemia se están a revalorizar. Non en van, cada ano son máis as familias que se interesan polo tipo de educación que alí se ofrece.

É o caso das escolas de Lantaño, Romai e Curro, as dúas primeiras ubicadas en Portas e a terceira en Barro. Tal e como explican as mestras que os dirixen, no último ano numerosos pais e nais se achegaron para interesarse polo modelo educativo que desenvolven. "Logo non sabes se virán para aquí ou non porque depende de moitas cousas: a distancia, a conciliación co traballo...", din.

Lidia Gómez, en Lantaño, Maica Rodríguez, en Curro, e Montse Vaamonde Paz, en Romai, son grandes defensoras da educación cos pés na terra que este ano respiran aliviadas porque "alomenos en principio" a continuidade durante un ou dous cursos parece garantizada.

E é que como mínimo teñen que contar cunha matrícula de seis nenos e os tres centros suman actualmente entre nove e once cada un, e e agardan para o vindeiro curso a chegada de novas familias. O retorno ó rural, que se empezou a rexistrar co gallo da crise sanitaria, tamén está a elevar o interese por estas escolas onde os grupos burbulla son realmente moi pequenos e que permiten impartir moitas clases ó aire libre. "Os pais que traen ós nenos fan un labor moi importante porque van animando a xente a vir", di a profesora de Curro, Maica Rodríguez, que destaca que a principio de curso a súa escola abeirou un cambio de matrícula, "pesaba o feito de estar nunha contorna rural".

ALTOFALANTE. Os pais e nais dos pequenos que cursan Educación Infantil nestes centros son os principais altofalantes da realidade destas escolas. "É o que mellor funciona, o boca a boca", explica Lidia Gómez desde Lantaño.

Camille Jung, unha muller neoiorquina veciña de Caldas chegou ata esta escola unitaria de Portas grazas a unha reportaxe coma esta que hai uns anos leu na prensa. Decidiu daquela que os seus mellizos farían a Educación Infantil neste centro rural. Hoxe é unha das principais defensoras das escolas unitarias. "En mi país la gente hace colas para poder entrar en una escuela infantil, por la que cuando yo era niña ya se pagaban 10.000 euros", subliña. "Esto es un lujo, no hay dinero que lo pague, por eso me parece un pecado que corran el riesgo de cerrar cada año", engade Camille Jung.

"Filosofía, inteligencia emocional, método Montessori, aula en la naturaleza..., esto en mi país no existe en la educación pública", subliña. Comparte a súa opinión María Jesús Fontán, nai de Eloi e Mateo, ex alumno e alumno actual do mesmo centro unitario. "Escogimos esta escuela porque fuimos alumnos los dos", explica pouco despois de deixar ó seu fillo ás portas da aula. "También porque vivimos cerquita, pero además es que allí son pocos, están en contacto con la naturaleza, los padres podemos participar en las actividades, están rodeados de los vecinos de siempre, y encima mantienes el ámbito rural", destaca esta nai que apunta ó sistema educativo seguido pola mestra. "Consideramos que aquí los niños tienen más atención y al combinar las tres edades unos ayudan a otros», indican as nais da cativada que asiste a estes centros e ás que lles gustaría «poder premiar o traballo que fan estas profes, as mellores sen dúbida", di Camille.

CURRO. Na Escola Unitaria de Curro este ano hai dez alumnos. Tócalles marchar a tres nenos en xuño pero a continuidade, polo de agora, está asegurada, relata ó outro lado do teléfono á súa mestra. "Sempre estás coa mosca detrás da orella", di Maica Rodríguez en relación á dependencia da matrícula para a supervivencia destes centros. "Este ano é menos complicado, alomenos o alumnado que xa está vai continuar, pero sempre é bo que veñan máis", sinala Maica.

Para esta profesora o feito de que na aula haxa tan poucos cativos é unha das grandes ventaxas. "Somos unha pequena familia, somos unha burbulla". Tamén destaca Maica Rodríguez a "flexibilidade" que o tempo ten no eido rural. "Iso favorécenos a todos como grupo, alongamos un pouco máis a actividade cando o precisamos. Hoxe nos apetece saír ó recreo máis tarde? Pois facémolo", indica a mestra que destaca que "cada neno ten o seu ritmo, a súa necesidade e como mestra podes atendelos de xeito moito máis individualizado. Non ten nada que ver cos coles convencionais".

Unha das principais características das escolas unitarias é que alumnado de distintos niveis académicos conviven na aula. Isto "suma", engade a profesora. "Gústame moito ver como os maiores aprenden e comprenden que os pequenos teñen outros tempos, e os pequenos tamén se soltan antes e aprenden a respectar ós maiores que saben e lles axudan, esa relación a esas idades é moi bonita e moi aproveitable".

E un segredo, a escola de Curro ten o seu particular observatorio de aves, un balcón no primeiro andar da casa que alberga a aula desde o que poden contemplar a vida na natureza.

ROMAI. Tamén a mestra de Romai cre que este será un ano tranquilo no que a reserva de praza se refire.Na actualidade contan con nove alumnos e para o vindeiro curso agarda que se incorporen a Infantil dúas ou tres persoas máis. "A situación é un pouco de angustia cada ano", confesa esta mestra que vive en Caldas e asegura ter botado raíces na escoliña que dirixe desde 2008. "Temos compañeiros que compartirmos cun cole adscrito, os nenos teñen clase de inglés, estimulación e linguaxe e relixión", subliña Montse Vaamonde paz. "En profesorado estamos igual que nun cole máis grande", engade. Tampouco o alumnado de Romai queda atrás en tecnoloxías. "Temos ordenador, pizarra dixital...". Aínda que para a profesora o mellor de todo é "o contorno natural que temos, que é máis valioso que todo iso", asegura. E é que a escola unitaria de Romai atópase ó carón dunha carballeira."Fixeron unhas pistas da parcelaria e saímos pasear e propóñoslles buscar un tesouro, atopar pedras preciosas, no outono recollemos follas...", conta algunha das actividades. Ás veces fan canas e simulan que son bruxiñas montadas en vasoiras ou cabaliños. "Levabamos un tempo observando unha vaca tumbada nunha leira e resulta que descubrimos hai pouco que é un boi a raíz de estar traballando os derivados do leite", relata.

Para a mestra de Romai tampouco hai mellor ubicación para un colexio en tempos de covid. "No tema do coronavirus estamos mellor, somos pouquiños, a nosa burbulla, porque non temos tanto contacto non é o mesmo estar cen que nove. Por último, subliña a mestura de idades como outra das grandes vantaxes dun centro unitario. "Aprenden todos de todos, aprendemos todos de todos", conclúe.

LANTAÑO. Desde hai catro anos Lidia Gómez está ó fronte da Escola unitaria de Lantaño, en Portas. Tamén esta primavera se presenta tranquila, sen sobresaltos pola falta de alumnado, aínda que descoñece cantos novos alumnos irán ó seu centro.

Conscente de que a falta de servizos como o comedor ou o Plan Madruga complica a captación de futuros rapaces tamén destaca as bondades do seu centro. "Estas escolas contribúen a que non teñamos tanto estrés". Lidia conta que o seu traballo parte da calma e da relación coa natureza. "Eu as familias sempre lles digo que non pasa nada se chegan tarde, pero que non veñan correndo, apostamos por unha educación máis en calma", di.

A profe de Lantaño coincide coas súas compañeiras de profesión e vocación en que traballar na natureza é un agasallo que axuda «ós nenos a desenvolver os sentidos» e algo que está moi de actualidade: os chamados exercizos de atención plena e a concentración. Conta Lidia Gómez que un día empezou a chover e puido ver como un pequeño lle dixó a outro compañeiro: "Mira, ven ver que bonito é".

Outra das posibilidades de asistir a escola de Lantaño son as assambleas no bosque. O ruído da aula, dos zapatos no chan, as cadeiras que se moven troca polos sons da natureza. "É outra enerxía diferente a que se establece. Fas outras actividades na natureza, máis pausada, máis lenta, os proxectos xorden con eles", relata a mestra. "Respiramos aire puro que agora en tempos de covid é coma un regaloé un luxo porque se está bo día facemos cousas fóra", engade.

Ademais, os pequeniños dos centros escolares de Portas poden empregar os bambáns e demais xogos xa que, conta a mestra, o Concello desinfectarnos o parque todas as mañás. "Sabemos que vir aquí ou non tamén depende dos horarios da xente, das súas posibilidades para desprazarse etc". A mestra destaca que contan con pais e nais de alumnos que percorren cada día un camiño de 15 ou 20 minutos para contar coa posibilidade de levar ós seus fillos a unha escola unitaria emprazada nun contorno rural.

"Esta calidade que temos nas escolas unitarias non é comparable con nada", sentencia. "No eido psicomotor, por exemplo, é impresionante. Só co patio que temos xa traballas subidas, baixadas, case non teño que dirixir as sesións porque o desenvolvemento é natural".

Que pasaría se chovera chocolate?

Unha das apostas de Lidia Gómez que máis valoran os proxenitores do seu alumnado é a filosofía. Non é doado abordar esta disciplina con pequenos de tres, catro e cinco anos. Tampouco traballan cos autores filosóficos clásicos senón a través do diálogo. "Empregamos contos, arte e xogos", explica a mestra de Lantaño que xa introduciu os diálogos no bosque entre os máis pequeniños. "Alí falan case en susurros, reláxanse moito", explica a profesora que aposta por traballar o respecto coa rapazada. "Anímoos a opinar, por exemplo, sobre que é o amor: A quen queremos. Como sabemos que alguén nos queren. Nos levan a un diálogo que todos poden responder e todas as respostas son válidas? Que pasaría se chovera chocolate? Aí hai múltiples respostas e todas válidas. O respecto é a escoita é o que máis traballamos".

Comentarios