O cruceiro de San Amaro volverá ao atrio nove anos logo de ser destruído

A asociación de veciños de Moldes-Mourente anunciou que a Xunta e a Igrexa acordaron restaurar o monumento, dobremente danado por un coche en 2010 e 2011
D70K0779
photo_camera Un grupo de veciños asistiu o mércores á reunión no atrio, onde está o capitel do cruceiro. DAVID FREIRE

O cruceiro de San Amaro, que sufriu dúas graves agresións por parte de senllos vehículos nos anos 2010 e 2011, volverá ao seu emprazamento orixinal, no atrio da capela, no prazo aproximado dun mes. Así o anunciou o mércores o presidente da Asociación de Vecinos Moldes-Mourente, Eulogio Sartier, quen convocou a cidadáns e devotos a unha reunión na que lles explicou os pormenores das xestións realizadas pola entidade durante os últimos anos e que, finalmente, desembocaron na consecución o obxectivo.

A parte superior do monumento esborrallouse en outubro de 2010 debido a un golpe fortuíto por un vehículo. Ao impactar contra o asfalto do atrio, a cruz fíxose cachizas. O seu condutor deu parte ao seguro e a cruz foi restaurada. Pero "por mala sorte", poucos días antes de recolocala, uns sete meses despois, outro coche chocou contra o varal e esnaquizouno. Nese caso, e por diversas circunstancias que non acabaron de aclararse, sinalou, a aseguradora correspondente nunca chegou a asumir a responsabilidade. Sartier critica que ese segundo golpe puido haberse evitado se o entón edil de Patrimonio, Luís Bará, non obrigase a retirar o armazón de ferro que servía como protección alegando que non cumpría os criterios estéticos esixidos. "Tamén quixo movelo de sitio, pero a maioría da xente non quixo", apostilou.

Durante todos estes anos, recordou o líder veciñal, a directiva da asociación realizou múltiples xestións co Concello, a Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta e a Valedora do Pobo, que a punto estiveron de resultar infrutuosas. Finalmente, "hai catro meses dinos a Valedora que a Xunta e a Igrexa ían falar do asunto na seguinte reunión e se ían poñer de acordo para restauralo. Quedei estupefacto. Xa basta de tomadura de pelo", apuntou Sartier, que incluso advertiu con accións xudiciais para esixir ás administracións que movesen ficha. "O Concello e a Xunta tiñan que velar polo patrimonio se a Igrexa non o fai".

Unha vez confirmado que se realizará a restauración, "aínda non sabemos a quen corresponderá o pago, pero non será á aseguradora" do vehículo que derrubou o cruceiro. A empresa adxudicataria dos traballos é BIC Materiais e Conservación, sinalou Sartier, que xa acudiu a San Amaro a retirar o anaco de varal que permanecía no capitel. "Levamos seis anos esperando polo arranxo e agora din que será rápido, cuestión dun mes aproximadamente".

Tamén se acordou que se dotará ao cruceiro dunha protección para evitar futuros impactos, aínda que non será como aquel vello "andador" que "esteticamente non é viable", senón unhas pezas de pedra nas esquinas.

Comentarios