Culmina a reforma interior do Parque de Bombeiros, valorada en 423.729 euros

As actuacións incluíron a creación dunha nova sala de esparexemento, unha cociña de gran tamaño, habitacións individuais con luz natural e unha mellor separación entre espazos de traballo e de descanso
Vilaverde durante a visita ao Parque de Bombeiros. DP
photo_camera Vilaverde durante a visita ao Parque de Bombeiros. DP

O parque de bombeiros de Pontevedra rematou a súa reforma interior, unha actuación integral para mellorar tanto os postos fixos de traballo como os de descanso. Asi, creouse unha nova sala de descanso con novo mobiliario, ademais dun posto de telefonía fixo que evita o illamento do encargado deste punto. Instaláronse tamén diversas pantallas que  informan en tempo real dos avisos recibidos. O Concello realizou un investimento total de case medio millón de euros (423.729 euros) entre todas as obras realizadas no parque.

A concelleira de Seguridade e Protección Cidadá, Eva Vilaverde, comentou que se conseguiu mellorar "desde moitos puntos de vista" o parque, xa que a reforma permitirá unhas mellores condicións de traballo substancialmente, en tanto a seguridade, hixiene, e en canto a funcionalidade e en canto a rapidez.  "Vemos que agora contan con zonas comúns máis espaciosas, e de grandes dimensións".

A edil fixo fincapé no chamado túnel, un novo camiño de traballo que conecta o hangar coas dependencias, onde os bombeiros poden xa deixar as súas pezas de roupa ao inicio logo dunha saída e pasar directamente ás duchas do vestiario, sen ter que avanzar por outras zonas comúns, aumentando a funcionalidade do parque, a seguridade e a limpeza do mesmo, diferenciando de xeito ben claro as zonas contaminadas e as zonas limpas.

Nese sentido, os vestiarios tamén recibiron unha reforma completa no seu equipamento e no seu mobiliario. Doutra banda, a zona de oficinas tamén recibiu unha renovación case total, permitindo unha zona de traballo máis cómoda amable para o día a día,incluíndo a mudanza do piso dos baños próximos.

A maiores da reforma interior, tamén se están a rematar algunhas acometidas exteriores, como o pintado de valado principal, que melloraron a zona do parque móbil, e permitiron unha  máis  eficiente  organización  e  distribución  dos  espazos  exteriores  para  favorecer  a convivencia entre traballadores. Esta  reforma  e  mellora  das  dependencias  vese tamén complementada coa adquisición, hai  unhas semanas,  dunha nova zodiac para  rescates  acuáticos  equipada cunha das tecnoloxías máis punteiras neste momento, única no Estado.

Comentarios