Dá positivo por alcol en Pontevedra e o amigo que vai recoller o seu coche... tamén

Os dous condutores, veciños de Cotobade e a Boa Vila, están acusados de senllos delitos contra a seguridade viaria por superar a taxa de 0,60 mg/l

A Garda Civil investiga penalmente por senllos delitos contra a seguridade de viaria a un veciño de Cotobade (Pontevedra) por conducir baixo os efectos de bebidas alcohólica e a un amigo que chegou nas mesmas condicións para facerse cargo do vehículo.

Os feitos producíronse sobre as 20.30 horas na N-541, á altura do quilómetro 89,200, no termo municipal de Pontevedra, cando unha patrulla do Destacamento de Tráfico da capital, que realizaba servizo de control de velocidade en vehículo camuflado, apreciou como un condutor efectuaba un cambio de sentido obrigando a frear bruscamente a outro, que tivo que invadir o sentido contrario para evitar a colisión.

O presunto infractor, que resultou ser un veciño de Cotobade de 66 anos, foi inmediatamente interceptado por unha patrulla de motoristas do mesmo Destacamento que se atopaba nas proximidades e, ao realizarlle as probas de alcol e drogas, comprobouse que superaba a taxa penal cun positivo de 0,75 mg/l.

Instantes despois, requiriu a axuda dun amigo, que chegou ao lugar conducindo outro vehículo con evidentes signos de embriaguez. Neste caso tratábase de dun veciño de Pontevedra de 60 anos, que ao ser sometido ao test de alcoholemia tamén deu resultado positivo, cunha taxa penal de 0,66 mg/l.

Os dous vehículos quedaron inmobilizados no lugar dos feitos e os condutores foron notificados polo como presuntos autores de senllos delitos contra a seguridade viaria. As dilixencias instruídas polo Equipo de Atestados e Informes do Subsector de Tráfico da Garda Civil de Pontevedra foron entregadas no Xulgado de Instrución de garda desta cidade.

Os implicados, de ser considerados culpables pola autoridade xudicial, poden enfrontarse a penas de prisión de 3 a 6 meses, multa de 6 a 12 meses ou traballos en beneficio da comunidade de 31 a 90 días. En todo caso, estes feitos levan aparellada a privación do dereito a conducir vehículos a motor e ciclomotores por tempo superior a un e ata catro anos.