Da Silva "presionará ó Estado" para negociar a ubicación da subestación de Bértola

A líder do BNG destacou que só o regreso do Bloque ó Congreso servirá para dar voz á veciñanza de Vilaboa e manter o debate na axenda
Carme da Silva visitou este martes a parroquia de Bértola, en Vilaboa. DP
photo_camera Carme da Silva visitou este martes a parroquia de Bértola, en Vilaboa. DP

A cabeza de lista do BNG por Pontevedra, Carme da Silva, comprometeuse este martes a que, unha vez sexa deputada no Congreso, presionará ao Estado para que negocie a ubicación da subestación eléctrica de Bértola contra a que a veciñanza leva loitando máis de 10 anos.

Carme da Silva lembrou que a pesares de que a vía xudicial está esgotada, a localización da subestación aínda pode ter unha solución pola vía política, polo que indicou que o BNG seguirá presionando tanto nas institucións nas que teña representación como mobilizándose na rúa coas persoas afectadas ata que sexa necesario. "Estaremos sempre do seu lado", dixo.

Criticou, así mesmo, as posturas de PP e PSOE tanto na Xunta como no Estado deixando de lado as reclamacións veciñais e ignorando as propostas de ubicación alternativas que se puxeron sobre a mesa, polo que insistiu en que "só se o BNG volve ter representación no Congreso o tema volverá estar na axenda política".

Segundo Da Silva, estas eleccións son un bo momento para que o cabreo da veciñanza de Vilaboa se transforme en algo útil, xa que os resultados do 10-N darán lugar á conformación dun novo goberno no que previsiblemente non haberá maiorías absolutas, e no que o BNG poderá ser determinante. "Só o BNG dará voz á veciñanza de Vilaboa e fará presión para que haxa unha saída á problemática da subestación. O cabreo ante a inacción e ante o espectáculo vergoñento das forzas estatais que ignoran os nosos problemas pode converterse nunha oportunidade se volvemos ter presenza da man do Bloque", insistiu.

Da Silva lembrou que a parroquia de Bértola leva loitando dez anos contra a subestación proxectada por Rede Eléctrica de España. Indicou que dende o 2009, cando se soubo que se construír unha para subministrar ao AVE na localidade, tanto o BNG de Vilaboa como o grupo municipal estiveron loitando e dando os pasos pertinentes para evitala.

Comentarios