Débora Lois, do Carlos Oroza, terceira mellor estudante de cociña de España

Ao concurso Protur Chef presentáronse alumnos de 200 escolas e ela logrou estar entre os seis finalistas: "Vin moito futuro na cociña, hai auténticos profesionais" "Aínda non teño palabras", afirma sobre o premio, pero "é unha recompensa ao esforzo"

Débora Lois con la ganadora del concurso, Annge Mohamed Embarek. DP
photo_camera Débora Lois con la ganadora del concurso, Annge Mohamed Embarek. DP

Débora Lois Soutullo, que cursa 2º do ciclo superior de Dirección de Cociña no CIFP Carlos Oroza, conseguiu a terceira mellor puntuación por parte do xurado do IV Concurso Nacional de Escolas de Cociña Protur Chefcelebrado durante esta pasada fin de semana no Hotel Protur Biomar Gran Hotel & Spa de Sa Coma (Mallorca).

Fíxoo cunha Pescada galaico-balear, como denominou a un prato elaborado con "pescada de Celeiro cociñada ao vapor de albariño con espuma de alioli de salicornia, garum e berberechos sobre un fondo de carne e terminado cun aire de cítricos", explicou este luns a moza no aeroporto de Palma, a piques de voar de regreso a Santiago de Compostela. Acompañada do seu titor e profesor de cociña, Paco Moreno, volve cun premio de 1.000 euros e un mes de prácticas remuneradas nun hotel da cadea organizadora.

Nacida no Grove fai 30 anos, Débora iniciou a súa vida laboral na hostalería nunha casa de comidas da súa localidade. "Desde que empecei a traballar, a señora que rexentaba o restaurante sempre me inculcou o agarimo pola cociña, polo que quixen dedicarme a isto".

Iniciou a súa vida laboral na hostalería antes de titularse no ciclo medio de Pastelería e Panadería e agora está a piques de terminar Dirección de Cociña

Como non logrou praza no ciclo medio de Cociña, matriculouse no de Panadería e Pastelería e dous anos despois animouse co superior de Cociña que agora está a piques de terminar. Só lle faltan as prácticas obrigatorias do último trimestre, que atrasará a setembro para aproveitar as oportunidades laborais entre Semana Santa e finais de verán. "A cociña é algo que me gusta e dedícolle moito tempo e que che elixan entre todos... Aínda non mo creo". Nun futuro a medio prazo vese traballando nun restaurante, "algo que xa levo facendo, porque este é un oficio no que nunca deixas de aprender". Un dos seus referentes é o chef Javier Oleiros (Culler de pau), do que admira "a súa filosofía de traballo", baseada en darlle valor ao produto local e en preservar a biodiversidade.

Ela foi a elixida polo Carlos Oroza para representar ao centro neste concurso, ao que se presentaron 200 escolas de hostalería de toda España cunha receita con magret de pato como produto principal. De todas elas o xurado elixiu 18 e, desas, só seis pasaron á final, onde xa presentaron "unha elaboración libre" coa que a grovense quixo "representar a Galicia nun prato". Na súa pescada o xurado "viu personalidade" e que a proposta estaba "ben elaborada".

O prato co que Débora logrou o terceiro posto, unha pescada galaico-balear. DP
O prato co que Débora logrou o terceiro posto, unha pescada galaico-balear. DP

A moza está "sen palabras". "Confiaron en min para representar ao centro e agora vexo que hai recompensa polo traballo duro, porque valóranche chefs de referencia". Ademais, subliña, "houbo moito compañeirismo, foi a mellor experiencia de estar alí".

Así, destaca que "vin moito futuro na cociña, había auténticos profesionais", como a gañadora, Annge Mohamed Embarek, estudante do CIFP Juníper Serra, de Palma, que xogaba en casa, e que triunfou ante o xurado cunha sobremesa chamada Maresia no que mesturou sabores salgados con doces, e tamén como o segundo clasificado, Jesús Jiménez, da escola Master D de Málaga.

CATRO ALUMNOS AO SPAINSKILLS
Os alumnos do IES de Montecelo Iván Darriba e Anxo Gabián (co seu profesor Eliseo Castro) en Xardinería Paisaxística, e Ismael Soto en Floraría (coa docente Bárbara Carballal), chegaron este luns a Madrid para participar na final do Spainkills, logo de lograr a vitoria na fase galega o pasado mes de outubro. Tamén participará neste certame Celia Vázquez, alumna do ciclo de Panadería e Pastelería do CIFP Carlos Oroza. As probas desenvolveranse durante esta semana e a final está prevista para o vindeiro sábado.

Comentarios