A debuxante Sarah Andersen falará do seu traballo o 24 de abril en Pontevedra

A Libraría Paz trae á cidade á autora das tiras cómicas 'Sarah's Scribbles'. A neoiorquina, con millóns de seguidores nas redes, estará o día antes asinando na Feira de Sant Jordi de Barcelona

Sarah, a protagonista dos cómics
photo_camera Sarah, a protagonista dos cómics

Sarah Andersen estará en Pontevedra o martes 24 de abril. Falará na cidade do seu traballo, convidada pola Libraría Paz, xusto un día despois de estar asinando exemplares dos seus libros en Sant Jordi en Barcelona. A Casa da Luz acollerá este encontro cos lectores, que terá lugar ás 20.00 horas, e que está aberto a todo o público interesado.

"Na conversa, a autora estará acompañada da ilustradora María Montes (Mery Mountain) e do coordinador do club de lectura de banda deseñada na nosa libraría, Rafa Tenorio", explica Paz nas súas redes sociais.

Sarah Andersen chega a Pontevedra dentro dunha xira europea que a trae, entre outros países, a España e Italia. Así o vén de publicar a propia autora na súa conta da rede social Twitter, onde a seguen máis de medio millón de usuarios. En Facebook ten máis de dous millóns de seguidores. E dous millóns e medio en Instagram. 

A xira de Andersen comezará o vindeiro sábado en Zaragoza. O Día do libro pasarao en Barcelona, asinando exemplares na Feira de Sant Jordi. Ao día seguinte será cando chegue a Pontevedra. Despois viaxará a Italia, onde participará na Comicon de Nápoles e visitará as librarías Feltrinelli nas cidades de Milán, Boloña e Roma. 

A creadora, que comezou publicando as súas tiras en internet, acumula máis de cinco millóns de seguidores nas súas redes sociais

Nacida en Brooklyn (Nova York) en 1993, Sarah Andersen é ilustradora e dibuxante de cómic. Graduouse no Instituto Artístico de Maryland e dende 2013 foi publicando en internet tiras cómicas protagonizadas por un personaxe semiautobiográfico. Causou sensación nas redes sociais, sobre todo na xeración millennial (nacidos arredor do cambio do milenio) e acabou contando os seus seguidores por millóns en todo o mundo. 

De aí deu o salto ao mundo editorial con grande éxito. Foi no ano 2016 cando a comezou a publicar en papel o selo Andrews McMeel Publishing. A primeira recompilación das súas tiras titulouse Adulthood is a Myth (traducido ao español como Crecer es un mito). Os seus traballos están agrupados baixo o título Sarah’s Scribbles (Os garabatos de Sarah) e neles reflexiona sobre o seu día a día e cuestións como a ansiedade, os medos, a preguiza, a madurez e as relacións persoais.

En España os seus libros están publicados por Bridge Books. Á parte do xa mencionado Crecer es un mito, lanzado en 2016, tamén saíu á rúa o ano pasado unha segunda compilación de historias titulada Un bollito feliz.

Una viñeta de Sarah Andersen. DP

Comentarios