De Decathlon a Leroy Merlin, as cadeas que queren abrir en Pontevedra

Sete empresas teñen plans para implantarse en Pontevedra, nas novas parcelas do polígono do Vao proxectado en 2002 e parado por trámites
terrenos poligono de o vao
photo_camera Parcelas nas que se proxecta a ampliación de polígono. J. CERVERA

Outras empresas esperan o momento de abrir en Pontevedra. Deste xeito, sete multinacionais esperan poder implantarse na cidade coa ampliación do polígono do Vao, un proxecto impulsado pola inmobiliaria Ponteno que ten xa 18 anos nos que se sucederon os trámites burocráticos para poder levar a cabo a obra, que custará entre 10 e 12 millóns de euros, segundo indicaba a este xornal a propia promotora.

A cadea francesa de roupa e material deportivo Decathlon é unha das interesadas en implantarse no polígono e ten un acordo asinado coa mencionada inmobiliaria. Por outra banda, queren instalarse en Pontevedra a multinacional danesa JYSK, dedicada ao sector dos mobles; Norauto, relacionada co sector da automoción; Leroy Melin, comercio dedicado aos produtos de bricolaxe; o xigante da comida rápida McDonalds; a cadea de supermercados Eroski-Vegalsa e, para rematar, a empresa dedicada á venda de produtos para mascotas Tiendanimal.

Todas elas teñen un precontrato con Ponteno para instalarse no futuro polígono aínda que non se sabe como afectarán os acordos (dos que non se coñecen os detalles) os atrasos provocados por unha confusa tramitación do proxecto. Neste momento, a inmobiliaria debe emendar un informe desfavorable de Augas de Galicia para que a Xunta dea o visto e prace á iniciativa. Así, a día de hoxe non existen prazos para en inicio das obras.

Ademais, en 2020 entra en xogo a pandemia e a crise económica que carrexa, que pode ser tamén un factor determinante no que refírese ao fututo do polígono e as empresas que se asenten no mesmo.

Segundo a promotora da obra, a posta en marcha das novas parcelas do polígono do Vao xerará 230 postos de traballo, dos cales 190 serán directos e outros 40 indirectos, relacionados con servizos de mantemento, limpeza ou seguridade nas instalacións, así como servizos auxiliares como o transporte de mercancías.

Comentarios