Unha decea de letreiros sobre a riqueza do Gafos e A Xunqueira de Alba

Medio ambiente adicará 3.000 euros á instalación de material informativo sobre a fauna, a flora ou a historia dos ecosistemas
Encontro de Iván Puentes con integrantes de Vaipolorío. CEDIDA
photo_camera Encontro de Iván Puentes con integrantes de Vaipolorío. CEDIDA

A Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural dotará aos ENIL (Espazo Natural de Interese Local) da Xunqueira de Alba e o río dos Gafos dunha nova sinalización que exhibirá datos e imaxes sobre os seus roteiros, patrimonio, historia e diversidade de flora e fauna.

Medio Ambiente contratou por 3.000 euros á consultora Equilátero para elaborar a información da decea de paneis explicativos que se instalarán nestes contornos e que contemplan catálogos de aves, plantas e bolboretas. En concreto, colocaranse tres paneis grandes, dun metro de longo por 1,5 de ancho, e dous pequenos, de 0,5 metros de longo por un de ancho, no ENIL da Xunqueira de Alba, e dous grandes e tres pequenos no do río dos Gafos. Fotografías e material ilustrativo contribuirán a divulgar unha escolma de contidos con datos de carácter xeral, características dos roteiros e os ecosistemas, ou número de especies.

O concelleiro de Desenvolvemento Sostible, Iván Puentes, asegura que a nova sinalización "contribuirá a poñer en valor e divulgar os tesouros agochados nestes espazos naturais".

"Queremos convidar á cidadanía a descubrir un roteiro de catro quilómetros polos ecosistemas da Xunqueira de Alba, que agocha máis de 170 especies de plantas, 43 de bolboretas diúrnas, 14 de odonatos, dez de anfibios, sete de réptiles, 133 de aves e 13 de mamíferos; e outro de 7,5 quilómetros polo ENIL do río dos Gafos, no que están catalogadas 180 especies de plantas vasculares, 11 de anfibios, 11 de réptiles, unha grande cantidade de insectos, 92 especies de aves e 20 de mamíferos", apunta o edil.

No caso da Xunqueira instalaranse dous paneis grandes con información xeral e un co roteiro por ecosistemas, un pequeno sobre as aves do ENIL e un sobre a historia deste espazo, cuxa superficie abrangue 67 hectáreas. No que atinxe ao ENIL do río dos Gafos, colocaranse un panel grande de información xeral e outro co roteiro de 7,5 quilómetros e tres pequenos sobre o seu patrimonio, as súas especies de bolboreta e as súas plantas, respectivamente.

Comentarios