A asociación Galicia Ambiental vén de denunciar a aparición dunha loba abatida por arma de fogo en montes do norte de Pontevedra. Segundo explican nas súas redes sociais, axentes medioambientais "investigan unha cuadrilla de caza de xabaril pola morte ilegal" deste animal, que que foi trasladado ao hospital veterinario Rof Codina de Lugo.
A organización lembra que o lobo é unha especie que "só pode cazarse en Galicia baixo un permiso especial emitido polas autoridades correspondentes, cando se acrediten danos cometidos polo animal". E este non é o caso.
Ademais, apunta que os autores da morte do animal "expóñense a unha forte sanción administrativa e por suposto a suspensión da licenza de caza". No caso de ser socios do Tecor onde tiveron lugar os feitos, "deberá tramitarse a súa expulsión inmediata", expoñen.
Galicia Ambiental lamenta que "a sensación de impunidade existente coa caza ilegal do lobo –favorecida pola inacción da administración– incentiva aos escopeteiros a continuar con estas prácticas delictivas. Unha verdadeira mágoa".
CAZA ILEGAL 🐺
— GaliciaAmbiental.org (@galiciaambienta) January 24, 2021
Apareceu un lobo abatido por arma de fogo en montes do norte de Pontevedra. Axentes medioambientais investigan unha cuadrilla de caza de xabaril pola morte #ilegal do #lobo na zona onde se practicou horas antes esta modalidade cinexética. pic.twitter.com/axnCipjFRV