A Deputación aproba as bases do plan de axudas para parques forestais

Van dirixidas a concellos, en colaboración coas comunidades de montes, e terán dous meses para solicitalas ►O orzamento é de 1,2 millóns e o programa continuará en 2018
O Acibal es uno de los muchos montes de alto valor paisajístico
photo_camera O Acibal es uno de los muchos montes de alto valor paisajístico

A Xunta de Goberno da Deputación aprobará o venres as bases que rexerán a repartición de subvencións para crear parques forestais na provincia. O obxectivo deste programa é mellorar os montes comunais que teñen un valor paisaxístico, produtivo ou ambiental e que actualmente estean desaproveitados. Para iso, a Deputación lanzou unha liña de axudas dirixidas aos concellos cun orzamento total de 1,2 millóns de euros.

Segundo explicou o vicepresidente provincial, César Mosquera, aínda que os terreos pertenzan a unha ou varias comunidades de montes, as axudas deberán solicitalas obrigatoriamente os concellos, pois a Deputación quere garantir que os parques forestais sexan de uso público. Por iso, os comuneiros deberán asinar un convenio ou algunha fórmula que estableza a cesión do uso de devanditos espazos durante un mínimo de 20 anos.

"Queremos que os concellos sexan os garantes do uso público. Deste xeito evitamos que unha comunidade de montes que solicite unha axuda, a consiga, e despois non manteña a actuación ou peche o espazo ao público xeral", indicou o vicepresidente.

Ademais, a superficie mínima de actuación debe ser de 50 hectáreas, porque "non setrata de facer pequenas zonas verdes, senón parques forestais para que a cidadanía poida gozar deles", dixo.

O nacionalista indicou que na provincia existen múltiples exemplos de montes que poderían beneficiarse deste programa "porque teñen unhas vistas panorámicas bonitas, porque están preto de vilas, porque son lugares fermosos..." e, entre outros, citou A Fracha e O Acibal (en Pontevedra) ou A Caeira (en Poio), aínda que precisou que "en toda a provincia hai multitude de zonas susceptibles deste tratamento".

CONTINUIDADE. Mosquera matizou que "1,2 millóns de euros non dan para cubrilas todas", pero "o programa nace con vocación de continuidade, polo que os concellos incluso poderían solicitar agora unha axuda para redactar o proxecto e en 2018 volver pedir outra para executalo".

De feito, o programa inclúe esas dúas liñas de subvención: unha dotada con 360.000 euros para a redacción de proxectos cun límite de ata 120 euros por hectárea e outra para a execución das obras dotada con 840.000 euros cun máximo de 900 euros por hectárea.

En ambos os casos, a Deputación financiará un máximo do 80% do custo e os concellos solicitantes deberán pagar o 20% restante, ben con fondos propios ou ben a través de acordos coas comunidades de montes afectadas.

Con respecto ás características dos proxectos, a Deputación aceptará as reforestacións, pero non serán o obxectivo único, senón que pretende fomentar outros aproveitamentos como os de tipo gandeiro, micolóxico ou de lecer.

A superficie mínima para poder optar a esta liña de subvencións é de 50 hectáres e poderán pedilas todos os concellos

Comentarios