Impulso final á repartición de 8.000 composteiros no rural de Pontevedra

Deputación e Concello asinan o convenio para o seguimento da repartición, que comezará por Salcedo, Tomeza e Campañó

Lores, Mosquera y Xurxo Álvarez. DEPUTACIÓN
photo_camera Lores, Mosquera e Xurxo Álvarez. DEPUTACIÓN

O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, César Mosquera, xunto co alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e o presidente da Federación Rural Galega (Fruga), Xurxo Álvarez, asinaron este xoves un convenio de colaboración para o seguimento dos 8.000 composteiros individuais que se repartirán no municipio da capital ao amparo do Plan Revitaliza. 

César Mosquera destacou que "é a primeira vez que nunha cidade se van despregar composteros individuais", cos seus aireadores e termómetros, que o Concello xa ten contratados para distribuír nas 15 parroquias do rural pontevedrés ata maio do ano 2020. 

A repartición comezará polas de Salcedo, Tomeza e Campañó, onde xa se realizaron experiencias piloto e "existe demanda e interese por parte dos veciños". A recepción dos composteros será voluntaria. 

O alcalde Fernández Lores subliñou que na totalidade do rural pontevedrés vaise a implantar este modelo de tratamento dos biorresiduos, o que supón que "o 100% do orgánico das parroquias se poida recoller, tratar e fabricar compost". 

Iso levará, dixo, que "Pontevedra, como cidade, vai ser unha das poucas, senón a única, que está en condicións de cumprir as directivas da Unión Europea para 2023", nas que se obriga a reciclar, tratar e recuperar o 50% dos residuos sólidos urbanos. "Intentaremos que sexa máis", engadiu. 

Un proxecto "pioneiro"
O vicepresidente e o alcalde coincidiron en sinalar que este é un proxecto "pioneiro en Galicia, no Estado e incluso en Europa", e admitiron que, aínda que lle gustaría "ir máis rápido" coa implantación deste sistema, é necesario "facer as cousas ben". E iso aconsella ser "metódicos" e facer un seguimento "exhaustivo" de cada un dos pasos que se están dando, aclarou. 

O convenio asinado este xoves está dotado de 400.000 euros e ten unha duración de dous anos. Durante este período, o persoal de Fruga, entidade gañadora do concurso público convocado pola Deputación, dará charlas e fará un seguimento individual de cada composteiro, explicando o funcionamento e corrixindo posibles disfuncións.

Comentarios