A Deputación consegue un grao de cumprimento do 100% na Axenda 2030

Carlos López Font asegura que os obxectivos de desenvolvemento sostible (ODS) impregnan toda a acción do Goberno provincial
Carlos López Font. DP
photo_camera Carlos López Font. DP

"A Axenda 2030 da ONU é a Axenda 2020 da Deputación de Pontevedra". Así de rotundo mostrouse o deputado de Economía e Réxime Interior, Carlos López Font, ao anunciar que a institución provincial alcanzou un grao de cumprimento do 100% na Axenda 2030 de Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) aprobada por Nacións Unidas en 2015.

López Font reiterou onte, no transcurso dunha rolda de prensa, que "os ODS impregnan toda a acción política da institución" e asegurou que "o traballo realizado é a mellor carta de presentación para optar á repartición dos 140.000 millóns que o Goberno de España conseguiu no último Consello Europeo" e que irán dirixidos a promover investimentos verdes e dixitais.

O deputado sinalou que "o orzamento provincial está estruturado en cinco grandes bloques nos que os obxectivos de desenvolvemento sostible (ODS) encaixan á perfección": Sustentabilidade e Transición ecolóxica; Economía, Innovación e Fomento do Emprego; Avance Sociocultural e Deportivo; Igualdade; e Economía, Facenda e Asistencia Técnica e Económica aos concellos.

López Font explicou que a aposta política polos ODS "é o mesmo que o compromiso da Deputación e da súa presidenta, Carmela Silva, por modernizar a administración e convertela en axente colaborador dun futuro sostible e dun mundo a medida do ser humano".

Ademais, o deputado de Economía sinalou que "a vocación do Goberno provincial coa Axenda 2030 tira tamén dos concellos da provincia" que ao longo dos últimos cinco anos puideron beneficiarse dos distintos programas postos en marcha desde a institución "sen exclusións".

FINANCIACIÓN. López Font explicou que para cumprir os ODS o Goberno provincial utiliza unha dobre vía, os fondos propios e os fondos europeos e destacou a importancia de programas propios como o Plan Revitaliza de compostaxe de residuos orgánicos, no que a Deputación é referencia.

Polo que se refire aos proxectos europeos detallou que agora mesmo están en marcha 40 proxectos en colaboración con 234 entidades públicas e privadas de toda Europa que mobilizan 41,2 millóns de euros e trabállase na posta en marcha doutros 16 proxectos valorados en 11,2 millóns de euros. "Temos a marca en captación de fondos europeos, cousa que non é fácil, e a nosa vocación é seguir apostando por captar máis programas", recalcou.

López Font, que destacou o rigor que esixe a presentación dos proxectos europeos, agrupou as case 60 iniciativas en marcha ou en tramitación en cinco grandes áreas en relación coas necesidades da provincia: formación e inserción laboral, desenvolvemento económico, turismo sostible, loita contra a desigualdade e a pobreza, apoio ao medio ambiente, fixación da poboación no rural e desenvolvemento empresarial.