Deputación e UVigo avalían a calidade das augas e do solo en toda a provincia

Os investigadores veñen de instalar seis sensores en terreos dos castelos de Soutomaior e de Sabroso que aportarán datos relevantes
Sensores do castelo de Soutomaior
photo_camera Sensores do castelo de Soutomaior

A Deputación de Pontevedra, grazas a un convenio de colaboración asinado coa Universidade de Vigo para o desenvolvemento de aplicacións medioambientais a través da constelación Humsat, ven de instalar seis sensores, recollidos neste proxecto, que miden a calidade das augas para uso doméstico e naturais (SmartWater) e a humidade dos terreos (SmartAgriculture) da provincia. Os dispositivos atópanse nas fincas dos castelos de Soutomaior e de Sabroso, este último na parroquia de Vilasabroso, no concello de Mondariz.

Nas últimas semanas, persoal técnico tanto da Deputación como da Universidade estiveron a realizar varias accións para asegurar o perfecto funcionamento dos aparellos. Como resultado destas operacións, procedeuse ao cambio de localización dun dos sensores do castelo de Soutomaior, despois de que a UVigo comprobase que o seu funcionamento era correcto e que as oscilacións nos datos obtidos correspondían a un problema no emprazamento onde fora instalado, pero non do dispositivo. Ademais, as dúas institucións traballarán nos vindeiros meses na adecuación da exposición dos dispositivos, para o que os intentarán cubrilos con plásticos que os protexan das chuvias directas, unha circunstancia que podería alterar os datos, especialmente durante os meses de inverno.

Os resultados recollidos polos sensores instalados ao abeiro deste convenio, ao que a Deputación de Pontevedra destina a cantidade de 120.000 € por ano de vixencia, transmítense por GPRS dende as tarxetas SIM que levan incorporadas. Ata o momento todos os datos recollidos amosan unha situación de normalidade en termos de disolución de osíxeno, temperatura ou turbidez, ata o punto de que as augas non aptas para o consumo humano se atopan por debaixo do nivel máximo permitido de turbidez das augas si aptas para o consumo humano.

Estes datos son de especial interese para a mellora ambiental, a prestación de servizos de forma adecuada e para o avance das produccións agrícolas e vinícolas da provincia.

Comentarios