A Deputación recoñece o talento, esforzo e compromiso da mocidade da provincia

A V edición da Gala dos Premios Provinciais da Xuventude ensalza 16 mozas, 14 mozos e 3 centros ► Durante o evento tamén foron entregados os diplomas aos gañadores da II edición de Reacción polo Clima
Os premiados diante do Pazo Provincial. BEATRIZ CÍSCAR
photo_camera Os premiados diante do Pazo Provincial. BEATRIZ CÍSCAR

Un total de 16 mozas, 14 mozos e 3 centros educativos da provincia recibiron un merecido recoñecemento ao seu talento, creatividade e compromiso durante a V edición da Gala dos Premios Provinciais á Xuventude. O acto de entrega dos galardóns aos autores e autoras dos 30 proxectos, así como dos diplomas aos gañadores da II edición de Reacción polo Clima, tivo lugar frente as escalinatas da entrada principal do Pazo Provincial, rexistrando a presencia de numeroso público, principalmente os familiares e amigos dos premiados.

O evento, conducido por María Soliño e Mónica Salinero, fundadoras da aplicación de turismo Capptus, estivo amenizado coa actuación musical da grovense Carolina Rubirosa e contou coa participación da presidenta provincial, Carmela Silva, quen subliñou que os premiados amosan "non o talento, senón talentazo, valentía, capacidade e unha enorme creatividade que mostra o grande futuro que ten esta provincia".

Arriba os premiados diante do Pazo Provincial. A dereita os galardóns feitos pola Escola de Cantería, co público ao fondo, e a presidenta da Deputación, Carmela Silva, durante a súa intervención para felicitar aos mozos e mozas que recibiron a homenaxe.

A rexidora provincial mostrou o seu "orgullo e felicidade, cada ano máis, por ser a presidenta desta provincia coa mocidade que temos". Silva citou a Marie Curie e lembrou que "a humanidade precisa persoas soñadoras para quen o desenvolvemento dunha tarefa sexa tan cautivante que lles resulte imposible dedicar a súa atención ao seu propio beneficio".

"Todo o que falaba Curie témolo aquí", dixo a presidenta. "O mundo precisa de persoas soñadoras, cheas de creatividade, innovadoras, adiantadas aos cambios e cunha inmensa capacidade para marcar tendencias. E todo iso sodes vós e esta Gala é unha proba máis de que esta provincia ten, da vosa man, un futuro prometedor e cheo de oportunidades".

Carmela Silva: "O mundo precisa de persoas soñadoras, creativas, innovadoras e cunha capacidade inmensa para marcar tendencias"

Carmela Silva aconsellou a todas e todos a perseguir os soños: "Non vos deteñades nunca, que ninguén os convenza de non crer en vós mesmas, en vós mesmos, que ninguén os roube nunca a capacidade de soñar e facer o que soñades". Nese senso, fixo case un desagravio á xente máis nova. "Levades practicamente dous anos encerrados, pechados nas vosas casas, sen desfrutar do que todas e todos nós vivimos ás vosas idades, coas vosas cortas vidas alteradas. Levades tamén dous anos sinalados, nos que parece que todos os males do mundo saen ou teñen que ver con vós e non. Non é certo. Hoxe demóstrase que aquelas persoas que vos miraban agraviadas estaban equivocadas. Porque esta gala é unha proba máis de que a mocidade, todas e todos vós, tendes aproveitado este tempo para formarvos, para ampliar os vosos coñecementos, e mesmo para sumarvos a causas sociais, axudando a persoas que teñen padecido con dureza as consecuencias da pandemia, sumándovos a proxectos de igualdade, de loita contra o cambio climático ou de preservación da contorna natural".

A presidenta provincial lembrou as verbas da escritora J.K. Rowling. "A maxia está dentro de vós, tendes o poder de imaxinar un mundo mellor".

Un total de 64 proxectos presentados este ano dos que 30 obtiveron galardón

Este ano presentáronse un total de 64 proxectos aos Premios Provinciais á Xunventude, dos que 30 obtiveron galardón nas categorías convocadas e cuxos autores e autoras teñen unha media de idade de 24 anos. Na gala todos os premiados recibiron a escultura dun aro de granito sobre soporte metálico de aceiro deseñada polo alumnado da Escola de Cantería, co que a institución provincial recoñece tamén o traballo destes artistas emerxentes.

 estamos 10 min PREMIOS XUVENTUDE DIPUTACION 2021

Na categoría de Iniciativa Empresarial, o primeiro premio recaeu na proposta Cereal Jewels, de Nahir Maceira e Manuel Vila (Vigo), mentres o segundo foi para a compañía teatral A Cova das Letras, de Cristina Collazo Gómez (Silleda) e o terceiro compárteno ex aequo as propostas Ponteabastos, de Jorge Celso Eyo (Pontevedra), e Somosterra, de Eva López e Raquel Gómez (Nigrán).

En Educación en Valores o xurado, que destacara a calidade dos traballos e a gran participación de alumnado, concedeu o primeiro premio ex aequo ás propostas Sementes de Liberdade, do IES de Poio, e Incómodxs e rebeldes, do IES As Barxas de Moaña. O segundo galardón foi para o proxecto Avoas. Avós con V de vida do IES Antón Alonso Ríos (Tomiño).

Na categoría de Contido Dixital, na parte Audiovisual gañou Neeumátiko, da autora Nee Barros Fernández (Marín). O segundo premio recaeu en Orixe, de Roberto Pastoriza (Bueu), mentres o terceiro foi para Descifrando a historia – podcast, de David Gesteira Estévez (A Cañiza).

En Traballos Musicais o primeiro galardón en Música Clásica levouno a peza sinfónica Fínis Terrae, de Guillermo Otero Costas (Vigo). Na outra subcategoría, Outros Xéneros, as pezas Vals do esquecemento, de Santiago Guerra (Cangas), e Miss each other before we need, de Ainhoa Mosquera (Moaña), lograron ex aequo o primeiro destes galardóns. O terceiro foi para Breaking it up, de Héctor e Tomás Cardenal e Adriana Cores (Moaña).

Na categoría de Traballo Literario Breve gañou en Narrativa a obra A mirada paralela dun xirasol, de Pedro Rodríguez (Nigrán). O segundo premio foi para Día de praia, de Brais Suárez (Vigo). En Poesía, Diana Vilas Meis (O Grove), venceu con Mímese, quedando en segundo lugar Bestia Salvaxe de terciopelo, de María Sarrapio Pol (Pontevedra).

En Banda Deseñada, gañou Ángel Carramal (Pontevedra) por SÓ (S). Segunda foi Sabela Domínguez (Marín) por Un día ajetreado e o terceiro premio levouno Lucía Rodríguez (O Grove) por Onde estás?.

En Fotografía Orixinal, na subcategoría de Serie Fotográfica, Claudia Gómez (Pontevedra) recibeu o máximo galardón por Xeracións. Regina Chamorro (Gondomar) foi segunda por Si la vida es circular, quiero girarla a caballo y en tiovivo, e David Outón (Sanxenxo) fíxose co terceiro lugar por La música que compartimos. En Fotografía gañou Lara Cores (Ribadumia) por Memoria en materia studiowork; mentres que o terceiro premio recaeu en Cynthia Gómez (Pontevedra) por Dos verdades dos realidades.

Por último, en Deseño e Moda o primeiro premio foi para Natalia Belén (Vigo) polo seu traballo Haenyo. O segundo foi ex aequo para Sergio Vidal (Sanxenxo), con En flor, e Regina Chamorro (Gondomar), con Parsimonia, e o terceiro recaeu en Laura Barrós (Pontevedra) por Ame to tsuri.

Reacción Polo Clima
As premiadas e premiados na segunda edición do concurso provincial de audiovisuais Reacción polo Clima subiron ao escenario trala proxección dun vídeo resumo sobre os ODS, o cambio climático e o talento da xuventude.

Lara Cores (Pontevedra), recolleu o primeiro premio por Adiós ríos, adiós fontes. A continuación, Manuel Albariñas e Yago Rodríguez (Marín e Pontevedra), que xa gañaran o máximo galardón na edición anterior, quedaron nesta ocasión no segundo posto con Puro Aire, e o Colexio Marcote de Vigo gañou o terceiro premio co rap Antropoceno destrucción.

Lara Cores: "É un premio que fai impacto na xuventude e nos compromete"

O primeiro premio da segunda edición do concurso de audiovisuais Reacción polo Clima, entregado pola presidenta provincial, Carmela Silva, recaeu en Lara Cores polo traballo Adiós Ríos, adiós fontes.

A galardoada, que nos levou por unha viaxe co grupo musical Baiuca e os versos de Rosalía de Castro e outros artistas, sinalou que "é un premio que fai impacto na xuventude, comprométenos e fainos recordar, como ben fixen nesta peza recoletando vídeos pasados de noticias que aconteceron aquí en Galicia, tendo como se fose un pedazo de memoria que quede ahí e non nos faga esquecer o que estamos facendo e o que fixemos".

Jorge Celso Eyo: "Agradezo á xente que nos axuda cada día a sair adiante"

Na categoría de Iniciativa Empresarial dos Premios Provinciais á Xuventude o terceiro posto o comparten ex aequo as propostas Ponteabastos, de Jorge Celso Eyo (Pontevedra), e Somosterra, de Eva López e Raquel Gómez (Nigrán).

O primeiro dos citados quixo agradecer "á Deputación polo premio e despois a toda a xente que axuda día a día a que emprendedores coma nós saian adiante". Tamén lembrou "á familia, amigos e a xente do mercado". Pola súa banda, Eva López disculpou a ausencia de Raquel Gómez mentres aseguraba que "todas as iniciativas que están aquí emociónanme profundamente, que a xuventude estea facendo tanto".

Comentarios