A Deputación reivindicará a "axenda feminista" cun amplo programa do 8M

Silva afirma que as propostas, "froito da sororidade", son "as máis potentes dos últimos anos"
Acto de presentación dos actos do 8 de marzo, no salón de plenos do Pazo Provincial. DP
photo_camera Acto de presentación dos actos do 8 de marzo, no salón de plenos do Pazo Provincial. DP

Charlas, obradoiros, actos reivindicativos, mesas redondas, manifestacións artísticas e iniciativas en redes son algunhas das propostas coas que a Deputación de Pontevedra celebrará o 8 de marzo. A programación, que se prolongará ao longo de todo o mes, terá como lema a Reivindicación da Nosa Axenda e para iso tocará todos os ámbitos: arte, xornalismo, política, ciencia, historia, música, deporte, cultura, escrita, cinema, testemuños de expertas e a pegada das mulleres.

Segundo dixo onte a presidenta provincial, Carmela Silva, é o programa "máis potente dos últimos anos", pois, aínda que a pandemia impedirá celebrar grandes manifestacións, a Deputación quixo «organizar unha programación moi potente de reclamación de igualdade de dereitos das mulleres", co obxectivo «irrenunciable» de volver poñer no centro do discurso político, social e cultural a desaparecida axenda feminista". "Esiximos o 50% de todo, do poder político, cultural, nas empresas, nos medios, na xudicatura, no lexislativo e executivo. Estamos fartas dos silencios e de que nos libros de texto non aparezan as mulleres da cultura, as expertas, as matemáticas», sinalou.

Coa posta en escena da acción poética Palabras como gacelas de Miriam Ferradáns, a institución presentou onte esa programación e volveu deixar claro que "somos unha Administración en contra de todas as violencias machistas, que loita e vai estar posicionada sempre para que a prostitución deixe de existir, porque somos abolicionistas; e porque se produza a corresponsabilidade nos coidados", dixo Carmela Silva.

«A axenda feminista inclúe a oposición frontal aos ventres de alugueiro, así como a esixencia para que se erradique a hipersexualización e cousificación dos corpos das nenas e mulleres; e tamén denuncia as precariedades laborais das mulleres», engadiu.

ACTOS CENTRAIS. Toda a programación é produto, como destacou Silva, "da suma de vontades para rachar coa desigualdade" e arrancará o vindeiro día 8 con dous actos centrais que levarán a cabo Celeste Garrido en Pontevedra pola mañá e Luz Darriba en Vigo pola tarde. A primeira desenvolverá a acción ‘Un feminismo inquebrantable’, que, como explicou a propia artista, "será unha chamada á sororidade. Unidas venceremos e seremos inquebrantables por moito que traten de tombarnos", dixo. No caso de Luz Darriba, a súa acción leva por título ‘CoidarMos’ e constitúe un berro feminista que trata "deses coidados que facemos as mulleres desde sempre, que non son recoñecidos nin valorados", explicou.

NAS REDES E NA HISTORIA. Nas redes sociais desenvolverase a iniciativa ‘Reivindicando a pegada das Mulleres. 365 días-365 mulleres’ e, xunto á Universidade de Santiago de Compostela, poñerase en valor a historia das mulleres da provincia baixo o proxecto ‘Pontevedra en América: Unha mirada en feminino’, co que se pretende rescatar a experiencia e mirada feminina da emigración, «silenciada e ignorada».

"Reivindicando desde..."

...a arte"
Porá o foco no talento feminino nas artes a través das máscaras que Lara Lars, Gemma Marqués e Laura Romero deseñaron para o programa Mulleres en Acción. Violencia Zero.

...a política"
No pleno deste venres 26, Laura Romero lerá o manifesto do 8M e presentarase Coidados.

...o xornalismo"
Plasmarase na nova edición do foro As Mulleres que Opinan son Perigosas os días 5 e 6 de marzo. O venres 5, coincidindo coa apertura do debate, izaranse as pancartas do 8M nas fachadas do Pazo Provincial e da sede da Deputación en Vigo e comezará o acendido dos dous edificios.

...a ciencia"
O ciclo Ciencia en Feminino comezará o día 4 cunha entrevista a Marisol Soengas, para seguir o 11 cunha mesa redonda sobre ‘Políticas de Visibilidade’, con Carmela Silva, María Jesús López Díaz e Amparo Alonso. O 18 haberá unha entrevista con Zulema Altamirano e o 25 a mesa Unha carreira científica en desigualdade, con María de la Fuente, Elena Ojea e María Mayá.

... a música"
Traerá actividades do proxecto ’Descúbreas’ e, co ciclo ‘Conversa e descubre’, contarán a súa experiencias Mariña Paz (voz en Furious Monkey House); Susana Saavedra (Agoraphobia), Patricia Hermida (mánager) e Raquel Seijo (promotora de Sweet Nocturna).

...a cultura"
Están previstas dúas accións de ‘Violencia Zero’ en Ponteareas e Nigrán.

...o deporte"
O 16 de marzo presentarase un vídeo adicado ás deportistas no que participan, entre outras, Paula Dapena, Elena Casal e Charo Castro.

...ás expertas"
Crearase un Comité de Sabias dentro da Cátedra Feminismos 4.0 que a Deputación desenvolve xunto á Universidade de Vigo.

...na escrita"
O 21 de marzo festexarase o Día da Poesía cunha acción con mulleres poetas.

...o cinema"
Poranse en marcha os premios #Mulleresno-Foco, que pretenden recoñecer o papel das mulleres no audiovisual.

Comentarios