A Deputación reparte 260.000 euros entre 208 entidades para actividades culturais

A memoria histórica, a posta en valor do patrimonio e os intercambios e certames culturais copan as axudas

Día da Muiñeira deste ano, organizado por Duos Pontes. RAFA FARIÑA
photo_camera Día da Muiñeira deste ano, organizado por Duos Pontes. RAFA FARIÑA

A Xunta de Goberno da Deputación vén de aprobar a resolución da liña de axudas para entidades sen ánimo de lucro para promover, fomentar e difundir actividades culturais do Ano da Lingua 2018. Está dotada cunha partida orzamentaria de 260.000 euros e as entidades beneficiarias ascende son 208.

Estas axudas están pensadas para accións orientadas a "mellorar a calidade de todas as manifestacións culturais e, en especial, as dirixidas á reivindicación e difusión do patrimonio material e inmaterial da provincia de Pontevedra, e que contribúan á difusión, mantemento e recuperación da nosa cultura e tradicións", explica a institución. A convocatoria especificaba seis tipoloxías concretas de actividades subvencionables: xornadas e eventos relacionados coa memoria histórica; actividades relacionadas co patrimonio histórico-artístico, arqueolóxico e natural; actividades para a posta en valor do patrimonio inmaterial propios de vilas e comarcas da provincia, tales como costumes, tradicións, etnografía, crenzas e mitos; festivais, mostras, encontros e certames culturais; certames e actividades de posta en valor da pintura, escultura, arquitectura e banda deseñada; e intercambios culturais para potenciar o patrimonio musical.

O criterios para a concesión das axudas foron o orzamento total da actividade, con 40 puntos como máximo; a adecuación da actividade ao interese provincial (25); a difusión da actividade atendendo ao ámbito local, provincial, nacional ou internacional (20) e a porcentaxe solicitada de financiamento (15). Tamén se tiveron en conta as persoas participantes e as que se benefician da actividade, o fomento da lingua galega na súa realización, e o fomento da igualdade entre homes e mulleres.

EXEMPLOS. Desta liña de axudas quedaban expresamente excluídas as actividades que se realizan ao longo de todo o ano, as actividades subvencionadas noutras convocatorias ou plans provinciais; os gastos de funcionamento e os correntes das entidades; as viaxes de lecer, festas gastronómicas e festas populares; e os gastos gastronómicos, agás cando garden relación directa coa actividade e sexan necesarios para o seu desenvolvemento.

En Pontevedra beneficiáronse nove entidades: Amigas e Amigos do Museo de Pontevedra, Asociación del Santísimo Cristo del Consuelo, Os de Algures, O Chopo, Asociación de Vecinos de Santa María, Duos Pontes, Aempe (para financiar parte do Edugal), Sete Espadelas e a Sociedad Filarmónica.

Comentarios