'Vive o río Minho' promove actividades en concellos portugueses e galegos

A Deputación desenvolve este programa, que inclúe sete rutas que se realizarán entre o 12 de setembro e o 4 de outubro
2020090418201599615
photo_camera Presentación do programa Vive o río Minho na Deputación de Pontevedra. DP

Un destino único para coñecer dous países. É a proposta que a Deputación de Pontevedra que, baixo o nome de Vive o Rio Minho, desenvolverá no Río Miño transfronteirizo entre o 12 de setembro e o 4 de outubro.

A presidenta provincial, Carmela Silva, e o deputado de Cooperación Transfronteriza, Uxío Benítez, presentaron este xoves este programa de rutas e encontros na natureza que se levará a cabo polos concellos galegos e portugueses que percorre a vía fluvial. O obxectivo, segundo explicou este venres o tamén director do AECT Rio Minho, Uxío Benítez, é ofrecer unha alternativa turística seguindo "o que a sociedade hoxe demanda a raíz da crise da covid-19, dando a oportunidade de coñecer o territorio dun xeito tranquilo, seguro, e buscando a natureza e todo o que ofrece o río Miño".

Estas actividades ecoturísticas están desenvolvidas dentro do proxecto Visit Rio Minho, co-financiado con fondos FEDER, a través do programa Interreg V-A POCTEP 2014-2020). Xirarán ao redor do río Miño, e realizaranse de forma cronolóxica avanzando polo territorio seguindo o seu curso, desde a parte alta ata a súa desembocadura.

Dirixidas a un público amplo e diverso, son de balde e abranguen non só os recursos da zona, senón empresas locais que traballan e realizan actividades nela. Sendeirismo, rutas en bici, rutas urbanas e percorridos históricos, visitas a adegas, museos, petróglifos, balsismo, caiac, gastronomía, observación ornitolóxica e astronómica son algunhas das actividades que inclúe a proposta ecoturística.

"Queremos convidar á veciñanza da provincia a que participe. O obxectivo é conseguir que sexa máis coñecida unha parte da provincia que polo feito de ter sido fronteira durante centos e centos de anos é unha parte descoñecida", subliñou Benítez.

Pola súa banda, a presidenta da Deputación destacou a "espectacular e atractiva" proposta que engloba Vive o Río Minho, "que conxuga todo tipo de actividades co coñecemento e desfrute do territorio Río Minho".

"O obxectivo é que sexa máis coñecida unha parte da provincia que por ter sido fronteira é unha parte descoñecida"

Carmela Silva subliñou tamén que desde a súa creación hai cinco anos, a AECT Río Minho tense convertido nunha "referencia", non só na provincia, na promoción e defensa dun territorio común único polo seu carácter transfronteirizo. "Se hai un elemento significativo de que a política serve para transformar o espazo que gobernamos é a creación desta AECT", manifestou.

Neste senso, sinalou que a súa posta en marcha "foi unha aposta intelixente que ten dado grandes resultados e está servindo de exemplo a outros concellos que teñen moito en común".

INSCRICIÓNS. Todas as actividades son gratuítas e están destinadas ao público xeral. As inscricións para os eventos da primeira fin de semana poden realizarse dende hoxe ata o vindeiro xoves ás 23 horas na páxina web da Deputación (depo.gal) e as prazas cubriranse por orden de chegada.

Por outra banda, as incricións para as seguintes actividades realizaranse entre o luns anterior ás 9 horas e ata o xoves ás 23 horas no caso de non cubrir as prazas con anterioridade (entre 45 e 50 por evento).

Sete encontros coa natureza
12 de setembro: Do río Deva ó alto da Moura. Inclúen unha ruta de sendeirismo nas marxes do Miño e do río Deva ata o alto da Moura e unha visita a Melgaço.

13 de setembro: Balsismo e petróglifos. Esta ruta abrangue un descenso no río Miño xunto a unha visita guiada a unha adega en As Neves e a visita aos petróglifos da Coutada.

19 de setembro: Salvaterra e museo do viño. A terceira ruta consiste nun percorrido circular pola contorna de Salvaterra, así como a visita á viña e ao Museo do Viño.

20 de setembro: Da Cova da Moura a Monçao. Ao día seguinte a proposta é unha ruta polo municipio de Monçao coñecida como A Cova da Moura, unha vista ao palacio da Brejoeira e unha visita a Monçao.

26 de setembro: Ecopista do Miño e Tui. Inclúe un percorrido en bici pola ecovía do Miño entre Valença e Vila Nova de Cerveira, e unha visita guiada por Valença e Tui.

27 de setembro: Caiac e sendeirismo polo Miño. Realizarase unha ruta de sendeirismo entre a desembocadura do Tamuxe e o porto de Goián, a visita á fortaleza, e un tramo en caiac polo río.

3 e 4 de outubro: Fin de semana na Garda e Caminha. Plantéxase unha fin de semana completa na que se combinarán as rutas de sendeirismo, a observación ornitolóxica, visitas guiadas, e unha visita dramatizada no castro de Santa Tegra.

Comentarios