Deteñen en Pontevedra ao autor dun intento de roubo nun bazar chinés

A Policía atopou ao sospeitoso e os dependentes no chan, enfrascados nunha pelexa, despois de que o individuo pretendese levar varios produtos sen pasar por caixa

Axentes da Policía Nacional de Pontevedra detiveron o mércores a un coñecido delincuente da cidade do Lérez por protagonizar un intento de roubo violento nun bazar chinés do centro urbano da capital.

Os feitos ocorreron sobre as 21.00 horas nun coñecido establecemento dedicado á venda de toda clase de artigos situado na rúa Branco Porto.

O AVISO. Os axentes policiais tiveron constancia de que se estaba producindo un altercado no interior do citado local, e a proximidade do mesmo coa Comisaría Provincial (apenas dous minutos a pé), permitiulles chegar con rapidez para resolver a liorta.

O sospeitoso e os empregados do establecemento estaban no chan, enfrascados nunha pelexa que se desencadeou despois de que o citado individuo, de 48 anos de idade e con numerosos antecedentes policiais, intentase levar varios produtos do interior do establecemento sen pasar por caixa.

Posteriormente, cando os axentes se entrevistaron cos propietarios do bazar, sóubose que o individuo xa entrara a roubar no local en anteriores ocasións, polo que esta vez decidiron pararlle os pés polos seus propios medios.

A COMISARÍA. Tras resolver o altercado e tomar declaración aos protagonistas, os funcionarios policiais trasladaron ao detido ás dependencias de Joaquín Costa co fin de interrogarlle sobre o ocorrido e completar así o preceptivo informe.

Con todos os datos na man, os investigadores puxeron ao detido a disposición das autoridades xudiciais da Parda para que fosen estas quen ditaminasen se debía ingresar no centro penal da Lama de forma preventiva ou ben se era posto en liberdade con cargos, á espera de ser chamado para comparecer nun futuro próximo.

Comentarios