Detidos dous pontevedreses tras ser sorprendidos perpetrando un roubo nun local

Os feitos ocorreron na madrugada do domingo, cando os arrestados manipulaban o cristal dun escaparate

Axentes da Policía Nacional da Comisaría Provincial de Pontevedra detiveron a dous individuos de 50 e 44 anos veciños da cidade, con antecedentes policiais, como presuntos autores dun roubo con forza nun establecemento da cidade.

Segundo informou a Policía Nacional, os feitos ocorreron na madrugada do pasado domingo, día 19 de xaneiro, sobre as 5.30 horas cando axentes que patrullaban en prevención da seguridade cidadá observaron a dous individuos "en crequenas diante dun escaparate", un deles cun obxecto na man que manipulaba o cristal do escaparate para, acto seguido, "o outro introducir o torso coller un obxecto e saír fuxindo á carreira".

Os axentes interceptaron aos dous individuos, identificáronos e interviñéronlles un desaparafusador, unhas tesoiras, unhas luvas de látex e unha caixa de un altofalante co cargador no seu interior, apuntaron as mesmas fontes policiais.

Os axentes, tras efectuar a correspondente inspección ocular, observaron que a lúa do escaparate estaba fracturada nunha parte, sinalou a Policía Nacional.

Por todo iso, os axentes detiveron aos dous individuos por un delito de roubo con forza e trasladáronos a dependencias policiais para identificalos.