Dez talleres levarán aos escolares da cidade polas parroquias

Deporte, educación e concienciación ambiental, economía circular e vida saudable centran o programa para este novo curso
Cabanas prehistóricas en Salcedo. R.F. (ADP)
photo_camera Cabanas prehistóricas en Salcedo. R.F. (ADP)

Laboratorio da Infancia é o proxecto impulsado pola Concellería de Educación que oferta aos centros escolares do municipio dez talleres sobre educación e concienciación medioambiental, prácticas deportivas, sustentabilidade, economía circular e vida saudable que se desenvolverán durante este novo curso. A empresa adxudicataria, Marexada, porase nos vindeiros días en contacto cos colexios para ofertar estas actividades, segundo explicou onte a Concellería que dirixe Tino Fernández. Proporanse unhas cinco actividades ou saídas para cada centro.

Así, para alumnado de entre 1º e 6º de Primaria propóñense a cobertura dun tramo do Camiño Portugués a Santiago ao seu paso por Pontevedra, a visita ao Parque Etnográfico das Cabanas Prehistóricas de Outeiro das Mouras (Salcedo), escalada no Pavillón da Xunqueira, o Roteiro dos Segredos de Ponte Sampaio, unha ruta polos Muíños do Batán, e observación de aves nas marismas de Alba.

Asemade, para o treito de 1º, 2º e 3º de Primaria deseñouse un específico de Viaxe no tempo pola ruta de Gatomorto (en Santa María de Xeve), e para o de 4º, 5º e 6º de Primaria un de kayak no Pontillón do Castro, un de xeocaching na Fracha e unha ruta guiada de interpretación ambiental pola senda do río Lérez.

MODELO PONTEVEDRA. Tal e como lembra Fernández, "o proxecto Laboratorio da Infancia enmárcase dentro das accións a desenvolver na Estratexia de Desarrollo Urbano Sostible e Integrado de Pontevedra Máis Modelo Pontevedra (Edusi), no que se contempla unha liña de accións dirixida aos centros educativos".

OBXECTIVOS. Entre os seus obxectivos inclúense a educación e concienciación ambiental, sustentabilidade e economía circular: talleres con contido pedagóxico que expliquen os valores do mundo rural e natural, mediante a visita guiada aos parques forestais situados ao redor de Pontevedra, especialmente o que se está conformando a través da Edusi con cofinanciamento Feder na Fracha, pero tamén ao resto de espazos naturais e parques forestais da cidade.

Figuran tamén a educación e concienciación deportiva, pois quérense potenciar os recursos deportivos e tamén do medio natural, con talleres vinculados á práctica deportiva e á vida saudable (entre outros, talleres de remo/ piragüismo no Lérez ou de escalada no Pavillón da Xunqueira, remodelado dentro do mesmo marco).

Comentarios