Dezaoito pontevedreses participarán no I Campionato Galego de FPBásica Skills

O IES Montecelo acollerá este xoves e o 2 de xuño as probas de Agroxardinaría, Floraría e Peiteado e estética
Naiara Ameal e a súa titora, Patricia Diz, o pasado mes de outubro. GONZALO GARCÍA
photo_camera Naiara Ameal e a súa titora, Patricia Diz, o pasado mes de outubro. GONZALO GARCÍA

Un total de 18 estudantes de institutos de FP de Pontevedra participarán no I Campionato Galego de Formación Profesional Básica FPásica Skills Galicia 22, que empeza este martes en Ferrol e que recalará no municipio do Lérez en dúas xornadas, ambas no IES Montecelo. Será este xoves, 26 de maio, coas probas de Agroxardinería e Floraría, e o vindeiro 2 de xuño, coas de Peiteado e Estética.

O obxectivo deste concurso é "darlle unha maior proxección e difusión aos ciclos de Formación Profesional básica e programas formativos que se imparten en Galicia", explica a Consellería de Educación na súa web.

É un campionato "eminentemente práctico", que consistirá no desenvolvemento de competicións relacionadas coas especialidades de FP básica e programas formativos, nas que o alumnado participante medirá as súas destrezas e demostrará as súas capacidades na realización das correspondentes probas.

Por parte do IES Montecelo participarán en Agroxardinería participarán Cristian Diz Rey e Abdelmonsif El Haddad, titorizados por Bárbara Carballal, e Damián Souto e Manuel Anxo Veiga, con Juan Antonio Moraña de titor. Competirán con outras cinco parellas.

En Floraría o representante do centro será José Ramón Patiño, titorizado por Eliseo Castro, quen se enfrontará a outros catro estudantes, e en Peiteado e estética, participará Naiara Ameal, con Patricia Diz como titora. Terá cinco competidores.

OUTRAS SEDES. Noutras sedes participarán os demais estudantes de institutos de Pontevedra seleccionados. Na modalidade de Artes gráficas (as probas serán este mércores no CIFP Compostela) figuran Alejandro Sánchez Fensterseifer e Lucía González Braños, titorizados por Ricardo Fernández, e Iván Martínez Justo e Iker Méndez Romero, da man da docente Silvia López Costa. Todos eles estudan no IES Montecelo.

En Carpintería e moble (este martes no CIFP Ferrolterra) participan dous alumnos do CIFP A Xunqueira: Diego Acha Morgade e Daniel Mora Esperón, titorizados, respectivamente, por María Barral e Juan Carlos Conde.

Deste centro pontevedrés proceden tamén Carlos Núñez Acibeiro e Javier Alonso Cuiñas, que o representarán na modalidade de Electricidade e electrónica, titorizados por Manuel Magariños. Será este xoves no CIFP Universidade Laboral, de Culleredo.

Na categoría de Mantemento de vehículos o IES Montecelo enviará a Adrián López Barcia e Alejandro Oliveira Martínez, titorizados por José Fuentes, ás probas previstas este venres 27 no CIFP As Mercedes (Lugo), nas que tamén está convocada a parella formada por Cristian Troncoso Soutullo e Adrián Castro Rodríguez, do IES de Vilalonga, titorizados por Fernando Prado.

Finalmente, Adrián García Besada e Sergio Varela Lapido, alumnos dos ciclos formativos do CEE Pontevedra, participarán nas probas de Servizos de restauración, que se desenvolverán o 31 de maio no CEE Manuel López, en Santiago. A súa titora é María del Mar León.

Comentarios