O día que Xela encheu A Ferrería

Darío Gil, fillo da autora homenaxeada no Día das Letras Galegas, arroupou os actos organizados en Pontevedra. Nacho Mora alzouse co primeiro premio do certame 'X Xela', tras poñerlle música a 'Soldados'
RAFA PRAZA DA FERRERIA: espectaculo central do Dia das Letras Galegas en Pontevedra. Coas actuacions de Tibet 1990, Nacho Mora e Rio Verdugo, ademais do recitado das poetas Tamara Andres, Miriam Ferradans, Regina Touceda e Elvira Ribeiro
photo_camera Público asistente ao acto central do Dia das Letras Galegas na Praza da Ferrería. RAFA FARIÑA

A pontevedresa Praza da Ferrería recuperou este luns un aspecto que lembra ós tempos prepandemia para abeirar un acto poético-musical co gallo do Día das Letras Galegas. Ducias de persoas déronse cita na emblemática praza da Boa Vila para escoitar os poemas de Xela Arias, escritora homenaxeada no 17-M, na voz das poetas Tamara Andrés, Miriam Ferradáns, Regina Touceda e Elvira Ribeiro, e tamén acompañada da música dos finalistas do certame X Xela.

RAFA PRAZA DA FERRERIA: espectaculo central do Dia das Letras Galegas en Pontevedra. Coas actuacions de Tibet 1990, Nacho Mora e Rio Verdugo, ademais do recitado das poetas Tamara Andres, Miriam Ferradans, Regina Touceda e Elvira RibeiroA ritmo de regueifa, e ante a imaxe e os versos de Xela Arias, que se ían proxectando nunha pantalla, Alba María e Lupe Blanco presentaron un acto que contou coa presenza do fillo da poeta, Darío Gil —na foto—, quen se dirixiu ó público para agradecer unha proposta "tan emocionante" na que a poesía da súa nai inspira as cancións de quince bandas de Pontevedra. "É unha iniciativa moi acaída pola relación da miña nai coa música e a poesía", subliñou Darío Gil.

Quince grupos pontevedreses, que representan a distintas xeracións de músicos galegos, participaron neste certame que propoñía musicar poemas da escritora de Sarria a fin de poñer en valor a súa obra e, ó tempo, "amosar tanto o talento musical que ten a cidade de Pontevedra como que a música en galego abre portas", subliñara o concelleiro de Normalización Lingüística, Alberto Oubiña.

undefinedO músico Nacho Mora alzouse co primeiro premio logo de converter en canción o poema Soldados de Xela Arias. Mora é un histórico da música que ten tocado en bandas como Los Covers, Elephant Band o Meu, e conta cun disco autoproducido, Entre as zocas e os lóstregos (2018).

En segundo lugar quedou o grupo Río Verdugo, que musicou o poema de Xela titulado Vide. Finalmente, o terceiro posto foi para a banda Tíbet 1990, nacida ó abeiro do Local de Música de Pontevedra, que se inspirou no poema Indecisión para participar neste concurso.

Durante máis dunha hora os versos de Xela Arias devolveron a poesía e a música a unha Praza da Ferrería chea de vida, iso si, entre importantes medidas de seguridade, aforo reducido e distancia entre os asistentes que tiveron que deixar os seus datos antes de ocupar as súas cadeiras. Moitos máis seguiron o acto na contorna da praza.

Comentarios