A Deputación activa unha plataforma de formación online para usuarios de SmartPeme

A institución provincial outorga 32.000 euros en axudas a catro organizacións para accións en favor da igualdade 
La presidenta provincial, Carmela Silva, en rueda de prensa. DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA
photo_camera La presidenta provincial, Carmela Silva, en rueda de prensa. DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA

A Deputación de Pontevedra puxo en marcha unha plataforma de formación online dirixida a persoas autónomas, emprendedoras ou empresarias usuarias do programa SmartPeme, que lles permitirá acceder a contidos desta iniciativa as 24 horas do día e os 365 días do ano. 

Esta plataforma, xa operativa, funciona co sistema libre Moodle e conta cunha selección de 'pílulas' formativas que serán periodicamente actualizadas e renovadas. 

A plataforma de formación está organizada nas categorías de TIC, Imaxe, CPED (Centro Provincial de Economía Dixital), Impulsa (competitividade global dos negocios) e TurisTIC, que suman as carteiras de servizos do programa SmartPeme. 

Esta ferramenta púxose en marcha cunha selección de 50 'talleres' e ofrece vídeos explicativos, infografías, presentacións e outros contidos. 

Os interesados en utilizala deben rexistrarse no link https://smartpeme.depo.gal/gl/inicio ou ben a través do formulario que se enviará coa newsletter quincenal de SmartPeme. Unha vez recibidos os datos e realizada a inscrición, as persoas recibirán unha mensaxe confirmando que foron rexistradas no sistema cun nome de usuario/a e un contrasinal de acceso. 

Isto permitiralles acceder ao contido da plataforma sen limitación de horarios, e poder ampliar coñecementos en materia dixital e de mellora da competitividade.

AXUDAS A ORGANIZACIÓNS EN FAVOR DA IGUALDADE. Por outra banda, a Deputación de Pontevedra informou da concesión de axudas por un total de 32.000 euros a catro organizacións da provincia que desenvolven proxectos en favor da igualdade e contra as violencias machistas. 

Así, a institución provincial subvencionará o proxecto Camiño ao bo trato da Rede Veciñal de Mulleres contra vos Malos Tratos, que ofrece formación e accións de sensibilización, prevención e detención da violencia de xénero. Trátase dunha iniciativa dirixida a colectivos que atenden ás vítimas, profesionais dos medios de comunicación, profesores e alumnos de colexios e institutos, Anpas, etc. 

A Deputación tamén colaborará no proxecto Promovendo valores de igualdade nas escolas rurais, que impulsa a Federación de Mulleres Rurais FADEMUR/FADEMUR Galicia, que inclúe campañas, talleres, accións de formación e sensibilización centradas nos centros educativos de zonas rurais. 

A terceira organización beneficiaria das axudas é Nós Mesmas, que traballa nun Plan de Formación en Diversidade Afectivo-Sexual en centros públicos de Educación Primaria, Secundaria e FP da provincia, para que profesores e estudantes aprendan a previr, detectar e intervir en situacións de acoso escolar por LGTBIfobia. 

Finalmente, recibirá unha axuda a asociación Faraxa pola Abolición da prostitución, en concreto, para o seu proxecto PRE-VENTE. Unha iniciativa de intervención socio-sanitaria para a prevención e detección da Sida en persoas en situación de prostitución e explotación sexual.