A Deputación de Pontevedra destinará 42,5 millóns ao seu Plan Concellos

Os concellos decidirán "libremente" a que destiinan os recursos, explicou Carmela Silva
Carmela Silva.DP
photo_camera Carmela Silva.DP

A Deputación de Pontevedra ampliará ata os 42,5 millóns de euros o seu principal programa de investimentos nos concellos da provincia, o coñecido como o Plan Concellos, segundo confirmou este venres a súa presidenta, Carmela Silva.

Silva, acompañada do vicepresidente provincial, César Mosquera, explicou que este plan será unha "ferramenta fundamental" para a transformación da provincia e para a reactivación económica e social tras a crise sanitaria da covid-19.

"É o plan estrela de Deputación", sinalou a presidenta provincial, que destacou que son os concellos os que deciden "libremente" a que dedican estes recursos.

Un total de 19,6 millóns de euros serán para municipios de ata 10.000 habitantes, 13,8 millóns reservaranse aos concellos de entre 10.000 e 20.000 habitantes e 8,8 millóns serán para os municipios de entre 20.000 e 50.000 habitantes.

O Plan Concellos reservará en total 30 millóns a investimentos, tres millóns ao pago de débedas e gastos correntes dos concellos e outros 9,5 millóns para fomento do emprego.

O vicepresidente César Mosquera destacou que, xunto coas demais transferencias aos concellos, a Deputación de Pontevedra destinará aos municipios en 2021 ata 75 millóns de euros, un 64% de todos os recursos da institución provincial.

"Máis é imposible", sinalou o dirixente do BNG, que destacou que "non debe haber deputación que faga algo parecido". 

Comentarios