A Deputación de Pontevedra impulsa cursos de formación para 420 desempregados

Ademais, máis de 400 mozos da provincia participan no programa Practicum mellorando a súa formación en países europeos
Carmela Silva. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera Carmela Silva. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

Uns 420 desempregados poderán formarse a través do programa Labora 2020 nunha ducia de concellos da provincia, unha iniciativa á que a Deputación de Pontevedra destina 1,4 millóns de euros.

A Xunta de Goberno provincial aprobou a contratación deste servizo que se desenvolverá en Barro, Lalín, Cambados, O Porriño, O Grove, Ponteareas, Vigo, Pontevedra, Tomiño, Soutomaior, Cangas e Vilagarcía de Arousa.

Deste programa poderán beneficiarse unhas 420 persoas inscritas como demandantes de emprego, entre parados de longa duración, menores de 30 anos e maiores de 50, inmigrantes, persoas con diversidade funcional ou en situación vulnerable.

Os itinerarios formativos que se realizarán, nun total de 28 cursos, están enfocados a adquirir competencia como auxiliares de almacén, limpeza de superficies e mobiliario en edificios e locais, dinamización de actividades de tempo libre educativo, socorrismo en instalacións acuáticas, conservación e mellora de montes, capacitación básica en restaurantes e bares, e nivel 2 de galego, lingua e matemáticas.

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, xustificou a elección destas materias porque "atendendo ao INEM, hai unha demanda relevante nestes postos de traballo". Ademais, cada itinerario inclúe xornadas informativas sobre igualdade e non discriminación, e as persoas que realicen esta formación poderán realizar prácticas profesionais non laborais en empresas do sector correspondente.

Por outra banda, os beneficiarios destes cursos terán acceso a unha axuda económica se carecen de rendas ou ingresos cuxo cómputo sexa igual ou superior mensualmente ao 75 por cento do indicador público de rendas de efectos múltiples. Esta iniciativa, que supera os 5 millóns, tamén conta cun financiamento de case 4 millóns de euros por parte do Fondo Social Europeo e o seu obxectivo, segundo Carmela Silva, é "integrar" e mellorar a formación das "ducias de miles de persoas en situación de desemprego" na provincia.

PRACTICUM. Tamén conta con fondos europeos a cuarta edición do proxecto Practicum Depo 2019, que permitirá que máis de 92 estudantes de 32 centros educativos a provincia poidan realizar prácticas en institucións e empresas doutros países comunitarios e que 12 docentes poidan realizar visitas para coñecer os métodos educativos que desenvolven no ámbito da formación profesional.

Aos 14 países que xa formaban parte do catálogo de mobilidades, súmanse como novidade Francia, Eslovaquia e Chipre. O custo deste proxecto ascende a 672.278 euros, que se suman aos máis de 2 millóns de euros investidos nas catro convocatorias. "Levamos 400 mozos facendo estes proxectos Erasmus", sinalou Carmela Silva, para que teñan acceso a formación "e máis recursos para unha mellor empleabilidad".

DEPOANDAINAS. Para rematar, a presidenta da Deputación anunciou a posta en marcha da cuarta edición das Depoandainas, para "fomentar a vida saudable e en turismo" con criterios de sustentabilidade "e natureza".

En concreto, serán sete as rutas gratuítas ofertadas, con praza para 300 persoas cada unha. Por primeira vez, as persoas inscritas terán servizo de dous autobuses con saída desde a Praza de Galicia en Pontevedra e a Praza de España en Vigo para reducir os desprazamentos en vehículos privados e as emisións de CO2.

Como complemento, realizaranse charlas de sensibilización ambiental e cultural en cada ruta, e os participantes terán tempo libre adicional ao termo de cada actividade para impulsar o turismo activo.

A primeira ruta celebrarase o 4 de agosto polo paseo fluvial das marismas de Catoira e o prazo de inscrición abrirase o vindeiro luns día 22. Seguiranlle percorridos pola fervenza do río Toxa en Silleda, o 11 de agosto, e o parque forestal da illa da Toxa e a pasarela de Pedras Negras en O Grove, o día 18 dese mesmo mes.

En setembro as visitas programadas serán ao parque A Canuda e o paseo fluvial de Illa Fillaboa en Salvarerra de Miño, o día 1, e o Bosque Encantado en Cangas e as illas Cíes, o 22. As últimas dúas rutas serán polo monte de Santa Trega na Guarda e os muíños do Folón no Rosal, e o carreiro da Pedra e a Auga en Ribadumia, os días 6 e 12 de outubro, respectivamente.

Nesta edición, os concellos por onde transcorran as actividades poderán dispor de 50 prazas adicionais.

Comentarios