A Deputación de Pontevedra pide á Xunta un "verdadeiro" plan de rescate para a hostalería

O organismo propón que todas as administracións acheguen o 1% do seu orzamento a devandita iniciativa
Diputación de Pontevedra. ADP
photo_camera Deputación de Pontevedra. ADP

A Deputación de Pontevedra instou este venres á Xunta de Galicia a aprobar un "verdadeiro" plan de rescate da hostalería dotado cuns 140 millóns de euros e ao que todas as administracións acheguen o 1% dos seus respectivos orzamentos.

Esta iniciativa foi aprobada cos votos a favor do goberno provincial, formado por PSDEG-PSOE e BNG, mentres que o PP, que presentou sen éxito a súa propia moción para que a institución provincial acepte o modelo proposto pola Xunta, votou en contra.

O deputado socialista Carlos Font sinalou que o fondo de 75 millóns proposto polo goberno galego segue sendo "insuficiente" e reiterou que a reclamación do 1% de cada orzamento é "máis xusta" ao ser proporcional aos recursos de cada administración.

Tras lamentar o "incomprensible" rexeitamento dos populares a esta iniciativa, Font censurou que o PP actúe como o "brazo armado de Feijóo" en lugar de situarse á beira dos afectados, e insistiu en que este fondo o xestionen os concellos.

O portavoz do BNG, César Mosquera, defendeu que a Deputación de Pontevedra fará un esforzo construtivo" para acabar coa "fea e desagradable batalla" que, ao seu xuízo, "desatou" a Xunta de Galicia e o PP, vaticinando que lles traerá consecuencias".

Desde as filas do PP, o seu portavoz Jorge Cubela reclamou ao goberno provincial que "deixen de marear" e decidan "dunha vez por todas" se queren axudar aos autónomos e aos hostaleiros da provincia. Ir en contra do fondo de rescate presentado pola Xunta, segundo Cubela, "é ir en contra dos hostaleiros", e acusou á deputación pontevedresa de "boicotear" as reunións para acordar este plan de axudas autonómicas.

No pleno provincial deste venres tamén se aprobou por unanimidade a proposta para darlle o nome de Castelao a un dos edificios do Museo de Pontevedra e unha moción do BNG para reclamar á Televisión de Galicia a creación dunha canle infantil para difundir a lingua galega entre os mozos. 

Comentarios