Volven os festivais

Os sete eventos que agrupa Rías Baixas Fest recuperan o seu formato habitual e confirman a consolidación da marca da Deputación ▶ Os promotores das propostas insisten en que en todas elas, máis alá de pola música e o turismo, se aposta pola igualdade e a sostibilidade 
Presentación dos Rías Baixas Fest de 2022. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera Presentación dos Rías Baixas Fest de 2022. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

Portamérica, Atlántic Fest, Vive Nigrán, Sinsal, Son Rías Baixas, O Marisquiño e Revenidas son os sete festivais que agrupa a marca Rías Baixas Fest, promovida pola Deputación de Pontevedra e que este martes presentou a edición deste ano, marcada pola recuperación do formato tradicional de público de pé e sen máscara obrigatoria. Atrás quedan as cabidas controladas e a asistencia aos concertos sentados e con distancia de separación, normas derivadas da pandemia de covid.

Jordi Lauren, de Son Rías Baixas, e Ana Sanromán, de Portamérica, foron os encargados de intervir no acto, que se celebrou nos Xardíns da Deputación e no que actuou a cantante do Grove Carolina Rubirosa (xunto a Rafa Otero á guitarra eléctrica), representante de Galicia no próximo Liet International de Dinamarca. "Se no seu día houbo unha xeración Nós en Galicia, hoxe está habendo unha xeración Nosoutras, conformada por verdadeiras revolucionarias que están facendo rexurdir a cultura galega", dixo a presidenta provincial, Carmela Silva, en relación a Rubirosa.

Se no seu día houbo unha xeración Nós en Galicia, hoxe está habendo unha xeración Nosoutras, conformada por verdadeiras revolucionarias que están facendo rexurdir a cultura galega

Tamén asistiron representantes de todas as promotoras dos festivais, así como alcaldes e concelleiros das distintas localidades que os acollen. "Isto é algo moi emocionante, sobre todo despois do que vivimos no pasado recente", dixo Jordi Lauren. "A pandemia significou moitos problemas. Supuxo un reto que moitas veces cremos inasumible". Neste sentido, o representante de Son Rías Baixas agradeceulle á Deputación o respaldo económico do ano pasado, que permitiu os festivais saír adiante. "Rías Baixas Fest, que foi unha marca pioneira no estado, está hoxe plenamente consolidada". 

Lauren fixo fincapé en varios aspectos nos que despois insistiron tamén a representante de Portamérica e a presidenta da Deputación: a relación directa destes festivais co turismo e con outros aspectos culturais e sociais. "É evidente que o impacto turístico é clave, pero máis alá do turismo internacional e nacional, interésanos o turismo de cercanía. Queremos que a xente recoñeza estes eventos como propostas de ocio de altísima calidade e elementos de cohesión social e territorial".

Da mesma maneira insistiu en que a aposta destes festivais, ademais de pola cultura e o turismo, éo pola gastronomía e o deporte. Exemplifica o primeiro caso o Portamérica, que todos os anos reúne a cociñeiros con estrelas Michelin realizando petiscos para os asistentes, e o segundo, o Marisquiño, que acolle unha serie de competicións de deportes urbanos. A maiores, segundo Jordi Lauren, existe un compromiso dos festivais no que se refire á igualdade e á sostibilidade.

Máis alá do turismo internacional e nacional, interésanos o turismo de cercanía. Queremos que a xente recoñeza estes eventos como propostas de ocio de altísima calidade e elementos de cohesión social e territorial.

Carmela Silva quixo felicitar, ademais de a todos os promotores dos eventos, de xeito específico aos do Portamérica, así como aos alcaldes de Portas e Caldas, "que foron capaces de poñer o amor polo territorio por enriba de intereses locais". Os concellos de Portas e Caldas de Reis comparten a sede do festival. "A sociedade precisa de máis exemplos de responsables políticos que traballen xuntos. Saber remar na mesma dirección merece este recoñecemento público", rematou a presidenta provincial, que asegurou que "estes sete festivais encherán de música a provincia entre xuño e setembro".

Para Silva, que lembrou que polos eventos do Rías Baixas Fest pasarán este ano Lori Meyers, Rozalén, Coque Malla, Baiuca, Rigoberta Bandini, Rayden, Bala, Tanxugueiras e Wöyza, entre outros, estas propostas, tal e como dixo Jordi Lauren, xuntan "música, gastronomía, sostibilidade, igualdade e un modelo turístico sostible".


CALENDARIO
Portamérica: do 2 ao 4 de xuño en Portas e Caldas de Reis
Atlántic Festdo 15 ao 17 de xullo en Vilagarcía de Arousa
Vive Nigrán: do 15 ao 17 de xullo en Nigrán
Sinsal: 23 e 24 de xullo na Illa de San Simón (Redondela)
Son Rías Baixas: do 4 ao 6 de agosto en Bueu
O Marisquiño: do 12 ao 14 de agosto en Vigo
Revenidas: do 7 ao 11 de setembro en Vilaxoán (Vilagarcía de Arousa)

comentarios