As distraccións ao volante causan 3 de cada 10 accidentes mortais na provincia

En 2021 faleceron un total de 25 persoas en 21 accidentes de circulación, sete deles usuarios vulnerables
Accidente de tráfico en Mos. EFE
photo_camera Accidente de tráfico en Mos. EFE

As distraccións ao volante son a causa de tres de cada dez accidentes mortais na provincia de Pontevedra, na que en 2021 faleceron un total de 25 persoas en 21 accidentes de circulación. Do total de vítimas, sete correspóndense con usuarios vulnerables (peóns ou usuarios de bicicletas ou motos).

Todos estes datos recóllense no balance de seguridade viaria da provincia relativo ao ano 2021, presentado este mércores pola subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba. 

A subdelegada do Goberno cualificou este balance como "agridoce" xa que, aínda que se rexistraron menos accidentes mortais, o número de vítimas mortais é superior ao dos dous últimos anos", nos que a cifra se mantivo en 24.

Os dous accidentes con tres falecidos producíronse o 19 de marzo de 2021 na PO-510, no que a colisión frontal de dous turismos saldouse co falecemento da condutora, de 38 anos, e os seus dous fillos, de seis e 13 anos; e o que se produciu o 2 de xuño de 2021 na N-640, unha colisión frontolateral dun turismo e un camión que tivo como resultado tres falecidos de 18, 19 e 24 anos de idade.

O número de usuarios vulnerables falecidos nas estradas da provincia no 2021 continúa coa liña descendente inscrita nos últimos anos. Deste xeito, no 2019 contabilizáronse na provincia 10 falecementos de usuarios vulnerables; no 2020, 9; e no 2021, sete.

Atendendo a súa tipoloxía, un 47% dos accidentes mortais prodúcense nas saídas de vía; un 24% por colisións frontais e un 29% en colisións frontolaterais. Así mesmo, un 68% dos falecidos na provincia son homes e no 20% dos casos a súa idade superaba os 75 anos. 

Os días nos que se concentra o maior número de accidentes continúan sendo os laborais, que aglutinan o 88% dos sinistros. O 28% das vítimas mortais en turismos e furgonetas non facían uso do cinto de seguridade.

A subdelegada do Goberno compareceu en rolda de prensa acompañada polo capitán do subsector de Tráfico da Garda Civil na provincia, Antonio Piteira, e pola xefa provincial da Dirección Xeral de Tráfico, Paula Yubero, que alertaron de que "as distraccións ao volante seguen sendo unha das causas principais dos accidentes".

A condución distraída estivo presente no 28,5% dos accidentes mortais; a velocidade inadecuada, no 23,8%; a condución neglixente e a falta de respecto á prioridade, nun 14,3%; e o alcol, enfermidades, os xiros incorrectos e o cansazo ou soño estiveron presentes, de forma individual, no 9,5% dos sinistros mortais. Para rematar, as drogas, a inexperiencia na condución e a condución temeraria están detrás do 4,7% dos accidentes con persoas falecidas.

ALCOL E DROGAS. O balance de seguridade viaria da provincia relativo ao ano 2021 na provincia de Pontevedra tamén reflicte que o consumo de sustancias que alteran a condución experimentou un lixeiro aumento

No 2021 a agrupación de tráfico da Garda Civil realizou un 25% máis de controis de alcol e un 46% de controis de drogas da provincia que no ano anterior. 

Nas alcoholemias, os positivos mantivéronse nun 1,72%, unha cifra similar á doutros anos. No entanto, ao incrementarse o número total de probas realizadas cabe concluír que houbo un aumento dos condutores ao volante baixo os efectos do alcol. A pesar de todo, se no ano 2020 un total de 441 condutores foron postos a disposición xudicial por este motivo, o ano pasado foron 436

No caso das probas de drogas a situación é moi similar. Deste xeito, durante o 2021 contabilizáronse 3.280 probas positivas, que representan o 53,1% das probas realizadas. Unha cifra parecida á inscrita no 2020, ano no que se computaron 1.397 probas positivas, o que supuña un 41,63% do test realizados. 

Así mesmo, aínda que durante o 2020, 1.389 condutores foron sancionados e oito postos a disposición xudicial, no 2021 tramitáronse 3.277 denuncias administrativas pero só 3 condutores pasaron a disposición xudicial.

comentarios