División na Deputación polas axudas aos sectores afectados pola pandemia 

O goberno provincial pide á Xunta unha reprogramación de partidas para a hostalería, mentres que o PP repróchalle que non dea un euro para axudar aos autónomos e ás pemes"
Carmela Silva e César Mosquera na reunión cos representantes dos concellos, este mércores. GONZALO GARCÍA
photo_camera Carmela Silva e César Mosquera na reunión cos representantes dous concellos, este mércores. GONZALO GARCÍA

O pleno da Deputación de Pontevedra evidenciou a división entre o goberno provincial (PSOE, BNG) e a oposición (PP) sobre as responsabilidades e competencias das administracións provincial e autonómica nas axudas aos sectores estratéxicos máis afectados pola pandemia de covid-19.

O grupo provincial socialista presentou unha moción, que foi aprobada cos votos do PSdeG e do BNG, na que se pedía á Xunta "un auténtico plan de rescate" coa "reprogramación de partidas" para constituír un "apoio firme" á hostalería.

Con todo, o PP emendou a moción "para mellorala" reclamando que a Deputación impulsase o seu propio plan de axudas. "Vostedes fan receitas aos demais pero lles pedimos que llas apliquen", replicou Jorge Cubela quen recordaba que a administración provincial "aínda non deu un euro para axudar aos autónomos e ás pemes".

O vicepresidente do ente provincial e portavoz do grupo do BNG, César Mosquera, sinalou que "a oposición ten autonomía cero" acusando os deputados populares de ser "unha correa de transmisión da Xunta". Mosquera advertiu ao PP de que se o Goberno provincial quere destinar fondos económicos aos axentes sociais "témosllo que sacar aos concellos", xa que os recursos son limitados, segundo dixo.

Pola súa banda, Carlos López Font fundamentou o rexeitamento dos socialistas á moción do PP indicando que non van admitir competencias que son alleas a esta administración", un argumento que se repetiu por parte do PSOE na seguinte iniciativa política, do grupo provincial do Partido Popular, pola que se solicitaba a creación dun fondo para a reactivación económica e social da provincia de Pontevedra.

A terceira moción que abordou o Pleno tamén era do PP e nela solicitábase a creación dunha plataforma provincial de venda online para o pequeno comercio.

A proposta foi rexeitada e, entre outras xustificacións, recordouse aos deputados populares que no ano 2016, cando gobernaba o Partido Popular na Deputación, decidiron crear unha nova canle de venda en liña de produtos e servizos, que resultou ser un "fracaso", custou máis dun millón de euros e foi rexeitado pola Unión Europea.

UNANIMIDADES

O Pleno ordinario de novembro da Deputación de Pontevedra comezou coa lectura do manifesto polo 25 de Novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller. O texto foi elaborado pola profesora Teresa Domínguez e deulle lectura outra mestra, Conchita Pérez Núñez.

Na parte resolutiva o Pleno arrincou coa aprobación de varios asuntos por unanimidade, foi o caso do acordo marco que regula a contratación das obras de conservación de firmes na rede viaria provincial. Igualmente aprobouse co consenso de toda a Corporación outros puntos da orde do día relacionados co polígono industrial de strong<> Outeda-Curro no Concello Barro ou a adhesión da institución provincial á Central de Contratación da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP).

A unanimidade continuou co sexto expediente de modificación de créditos no que vai de ano 2020, segundo explicou o deputado López Font, entre outras cuestións, tratábase de dar "cumprida resposta" a algúns concellos que solicitaron reinvestir as baixas conseguidas na licitación de varias obras. O portavoz do PP, Jorge Cubela xustificou o voto a favor do seu grupo polo beneficio que esta medida suporá para os concellos e recordou que neste mandato o 80% dos asuntos que levaron ao Pleno contaron co apoio dos populares.

Finalmente, houbo discrepancias coa modificación do Regulamento Orgánico Provincial, o Goberno expuña unha adaptación técnica e o PP propuxo, sen éxito, incluír máis cambios. 

Comentarios