A concelleira de Cultura, Carme Fouces, presentou este mércores unha nova cita de carácter divulgativo e científico baixo o nome A Foto 51. O Concello busca ofrecer unha nova mirada sobre a ciencia con este programa, partindo de bases actuais e necesarias como a perspectiva de xénero.
Coincidindo coa celebración do Día internacional da muller e a nena na ciencia, o Concello levará a cabo este evento de divulgación científica durante os días 10 e 11 do próximo mes de febreiro. O día 10, ás 11.00 horas, o Teatro Principal acollerá a primeira actividade coa conferencia da matemática María Elena Vázquez Cendón, premio María Josefa Wonenburger 2022, que tratará cuestións da súa área científica, pero vencellados coa perspectiva de xénero.
O sábado 11, a súa vez, a axenda tornarase máis intensa, tendo como base un encontro divulgativo con ata trece poñentes que ofrecerán charlas de dez minutos ao longo do día. Para asistir, non será necesaria ningún tipo de entrada nin aporte económico.
Fouces, a súa vez, quixo facer fincapé na amplia representación feminina que haberá na fin de semana: "Queremos facer o contrario do que acontece en moitos encontros científicos: aquí máis do 80 % das que falen serán mulleres, xunto cun 20 % de homes. Queremos que sexa representada a presenza real das mulleres na ciencia", explicou a edil.
Por outra banda, tamén se darán as nomeadas Nanocharlas, que teñen como obxectivo actuar como pequenos apuntamentos onde a xente poderá divulgar de xeito amateur e expoñer algún feito de interese. Estas precisan de inscrición previa na web oficial do Concello de Pontevedra para participar, no apartado Apúntate.
Ademais, tamén está prevista a realización de varios roteiros científicos, para os días 11, 12, 25 e 26 de febreiro, e que tamén precisan de inscrición e reserva de praza en Apúntate.
A foto 51
O título da iniciativa fai referencia ao nome informal que se lle deu a unha imaxe de difracción de raios X do ADN, froito do traballo realizado por Rosalind Franklin –a quen se homenaxea con este título– ao longo da súa investigación. Esta foto foi unha proba fundamental para identificar a estrutura do ADN.
Maurice Wilkins mostroulle a imaxe a James Watson sen que Rosalind Franklin tivese coñecemento do asunto. A Foto 51 converteuse na proba definitiva que precisaban as investigacións de Watson, Crick e Wilkins, gañadores posteriormente do premio Nobel de Fisioloxía. Nunca citaron a Franklin nin ao seu traballo.