MADEM CASTILLO, experta en comunicación: "O nivel de liderado feminino non é un reflexo da igualdade"

Do 60% de graduadas universitarias ao 20% de cargos directivos

A Escola de Igualdade María Vinyals, impulsada pola Deputación, analizou a situación da muller, o liderado e a empresa
Asistentes a una de las ponencias
photo_camera Asistentes a una de las ponencias

Só un de cada tres postos de altos cargos na administración pública está ocupado por unha muller e unicamente o 20% dos cargos directivos en España está ocupado por mulleres, a pesar de que estas supoñen o 60% das persoas que se gradúan en carreiras universitarias. Así mesmo, o 32% das empresas non conta con ningunha muller en altos cargos e o 35% das compañías que cotizan no mercado continuo non inclúe mulleres nestes postos "cando, con todo, somos as máis formadas", destacou a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, na xornada ‘Muller e liderado’, celebrada este xoves na Escola de Igualdade María Vinyals, situada no Castelo de Soutomaior. A provincia de Pontevedra non é unha excepción na situación da muller no mundo da empresa.

A xornada, unha aposta en materia de igualdade impulsada pola Deputación, congregou no lugar a máis de cen directivas e empresarias cunha idea en común: visibilizar a figura da muller que ostenta un alto cargo empresarial e debater sobre a súa situación de desigualdade con respecto ao sector masculino.

"Neste momento, as mulleres tan só ostentamos posicións de liderado e dirección nun 16%" 


A través de diversos talleres, mesas redondas e conferencias, as asistentes puideron gozar dun espazo no que a análise do liderado feminino, o debate e a posta en común das súas ideas foron as protagonistas. Desta forma, tamén se puxeron sobre a mesa diferentes estratexias e ferramentas para mellorar o desenvolvemento das súas capacidades e contribuír ao empoderamiento das mulleres e ao seu desenvolvemento persoal e profesional. Unha materia que, segundo Carmela Silva, aínda está nunha gran "situación de desigualdade que non ten unha razón obxectiva para producirse".

O encontro contou coas intervencións de varias especialistas en psicoloxía, recursos humanos e comunicación que, na actualidade, ostentan altos postos nas súas empresas. Silva sinalou que, desde a Deputación, seguirá dedicando máis recursos "á loita pola igualdade". "Desde a iniciativa pública é de onde hai que promover os recursos que sexan necesarios para que as mulleres podamos ocupar os lugares que nos pertencen. Viñemos para quedarnos", sentenciou.


Comentarios