Doce infraccións tras a inspección de 85 camións no centro urbano

A Policía Local detectou nove vehículos de transporte de mercancías que incumprían a normativa no último mes
Uno de los controles desarrollados recientemente
photo_camera Uno de los controles desarrollados recientemente

A Policía Local levou a cabo a inspección de 85 vehículos destinados ao transporte de mercancía que transitaron polo centro urbano de Pontevedra en dous controis realizados entre o 7 de abril e o 3 de maio, no marco dun plan que coordina o Servizo de Mobilidade da Xunta de Galicia.

As inspeccións, que se desenvolveron na avenida de Compostela e na avenida de Uruguai entre as 9 e as 12.00 horas levaron o alto de 40 dos vehículos, co obxectivo da inspección completa da carga, da documentación que habilita para levar a cabo o transporte, dos elementos de seguridade (instalación de cintos, tempos de condución e separadores de carga), así como dos accesorios obrigatorios ante urxencias ou o mantemento das condicións óptimas no transporte de alimentos.

Entre todos os automóbiles inspeccionados, os funcionarios da Policía Local de Pontevedra detectaron nove infraccións á normativa de transportes e outras tres denuncias por outras cuestións.

Tres dos vehículos foron denunciados por exceso de peso; dous por carecer de extintores; un por non dispor dos accesorios obrigatorios ante a posibilidade dun accidente (era un camión que levaba mercancías perigosas); un condutor por alterar o disco do tacógrafo; outro por non contar cos preceptivos mecanismos para separar a carga; outro por carencia do citado tacógrafo e un máis por non presentar correctamente o cartón de transportes.

Xunto a iso, un condutor foi denunciado por circular co carné de conducir caducado, outro por non ter ao día a Inspección Técnica de Vehículos e un máis por facer uso do teléfono móbil no momento no que pasaba polo punto de control establecido polos axentes municipais.

A Policía Local advirte de que estes controis continuarán durante os próximos meses en Pontevedra.

Comentarios