Educación saca a licitación o proxecto para poñer en marcha o Laboratorio da Infancia

Contémplase o desenvolvemento de talleres de educación medioambiental, sostibilidade, práctica deportiva, economía circular e vida saudable

A Concellería de Educación vén de anunciar a licitación e o prego de condicións do proxecto para deseñar un Plan Estratéxico Local da Infancia e poñer en marcha un Laboratorio da Infancia que, entre outras accións, promoverá diversos talleres de educación e concienciación medioambiental, práctica deportiva, sostibilidade, economía circular e vida saudable. Segundo apunta o tenente de alcalde e concelleiro do ramo, Tino Fernández, as empresas interesadas en elaborar e coordinar este proxecto confinanciado con fondos Feder "dispoñen ata o vindeiro venres 5 de febreiro para presentar as súas ofertas".

Por unha parte, preténdese xerar un taller mestre e un relatorio marco que lideren unha Estratexia Local para a Infancia e un primeiro Plan de Acción cunha serie de medidas priorizadas e accións piloto. Segundo explica a concellería nun comunicado, "crearanse e executaranse de xeito dinámico e cunha alta participación das familias, os diversos actores sociais e os axentes educativos e pedagóxicos, incluídos centros docentes e investigadores da Universidade expertos nesta área".

"Terá como criterios internos fundamentais os da igualdade de xénero entre mulleres e homes, a igualdade de oportunidades e a inclusión social, a sostibilidade, a promoción das liberdades individuais e dos dereitos humanos e sociais, o comportamento social, a análise crítica, o razoamento e o coñecemento, así como o fomento da innovación", sinala o tenente de alcalde.

O Plan de Acción deberá dar prioridade a todas aquelas accións e liñas que redunden en melloras de colectivos infantís especialmente desfavorecidos a nivel local, posibilitando a execución inmediata de accións que permitan unha mellor inclusión social e melloren a igualdade de oportunidades.

Promoveranse talleres que expliquen os valores do mundo rural, mediante a visita guiada aos parques forestais situados no contorno de Pontevedra, especialmente ao da Fracha, pero tamén ao resto de espazos e parques forestais da cidade. No que atinxe á educación e concienciación deportiva, potenciaranse os recursos deportivos en conxunción cos naturais, con talleres vencellados á práctica deportiva e á vida saudable: remo/piragüismo no Lérez, escalada no Pavillón da Xunqueira…

O orzamento económico para a contratación do primeiro dos lotes (asistencia técnica na elaboración e coordinación da Estratexia Local para a Infancia e seguimento do Plan de Acción) ascende a 54.790 euros, mentres que o relativo ao Deseño e Execución das Accións Directas do Plan de Acción é de 78.650 euros.

Comentarios