O Eixo Atlántico ve "urxente" reforzar o papel dos concellos nos fondos europeos

O alcalde de Pontevedra participou este luns no debate organizado en Viana do Castelo sobre a post pandemia
Lores na reunión do Eixo Atlántico en Viana. DP
photo_camera Lores na reunión do Eixo Atlántico en Viana. DP

Viana do Castelo acolleu este luns a Comisión Executiva extraordinaria do Eixo Atlántico na que participaron por primeira vez os presidentes das Comisións Políticas creadas en virtude das conclusións da Conferencia de Alcaldes celebrada en Pontevedra, así coma os expertos de alto nivel de cada comisión.

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, trasladouse á localidade portuguesa para participar na Comisión Executiva e tamén como membro da Comisión de Política Urbana.O obxecto desta convocatoria era debater monograficamente sobre os plans de recuperación e resiliencia post pandemia tanto en Galicia como no norde de Portugal, e o papel que as administracións locais xogaron na xestión da crise.

Tras o debate, a Comisión Executiva considerou "da maior urxencia e importancia reforzar e incrementar a participación dos concellos na xestión destes fondos", explicaron, tanto na súa programación como na súa execución, para garantir a eficiencia dos mesmos para os obxectivos aos que van destinados.

Esta conclusión fundaméntase, por unha banda, no determinante papel que xogaron os concellos na xestión da crise, dende os servizos básicos á poboación, incluíndo servizos sociais e educativos, a subministración á poboación de alto risco, as axudas a Pemes e autónomos, até a motivación e o mantemento do estado de ánimo colectivo nun momento extremadamente duro para o que ninguén estaba preparado.

Na reunión do Eixo Atlántico evidenciouse un déficit común, tanto no Estado español como en Portugal sobre o nivel de participación dos concellos

EN PRIMEIRA LIÑA. Ademais, na reunión púxose sobre a mesa que os concellos deben xogar un papel relevante na primeira liña da xestión dos fondos, incluíndo a aceptación das súas propostas sobre actuacións a financiar.

Na reunión do Eixo Atlántico evidenciouse un déficit común, tanto no Estado español como en Portugal sobre o nivel de participación dos concellos, non só pola abertura dos gobernos cara a estes, senón tamén pola escasa aceptación de propostas provenientes dos mesmos.Constatouse que tanto o programa español como o portugués, remitidos á Comisión Europea, integran os eixos principais que a Conferencia de Alcaldes do Eixo Atlántico identificou como prioridades para a saída da crise, en Pontevedra, o pasado ano. Desde esa óptica os alcaldes manifestaron o seu acordo cos eixos prioritarios de ambas as propostas portuguesa e española, aínda que lamentan que en moitos casos non se concretasen nas remitidas polos concellos.

Destacaron entre as conclusións que existe unha preocupación maioritaria sobre a eficiencia e o resultado dos fondos e igualmente existe o risco de que os fondos se atribúan a obxectivos que non se corresponden coa crise e mesmo empresas que estaban en crises antes da pandemia, tal e como indicaron os integrantes da comisión reunida este luns.

Finalmente puxeron de manifesto a preocupación sobre a posible perda de fondos polas trabas burocráticas.

Comentarios