O parque de Barcelos ampliarase o ano que vén

O Concello de Pontevedra proxecta a construción de novos ximnasios ao aire libre para maiores e prevé adaptar zonas de lecer para persoas con discapacidade
Usuarios del parque infantil de Barcelos, este martes
photo_camera Usuarios del parque infantil de Barcelos, este martes

O parque infantil de Barcelos ampliarase o ano que vén. Así o confirmou este martes o concelleiro de Obras, Luís Bará, que avanzou que o Concello iniciará en breve a redacción dun informe sobre o estado deste tipo de zonas de lecer para coñecer o seu estado de conservación e a posibilidade de construír novos espazos deste tipo noutros puntos de Pontevedra.

O edil do BNG recordou que a reforma do parque infantil de Barcelos "é un obxectivo prioritario", xa que as instalacións quedáronse pequenas para os usuarios. "O que queremos é un gran parque infantil, que dea servizo a todos os veciños da zona", subliñou.

Bará explicou que a intención do Concello é ampliar áreas de lecer para nenos, como a situada en Loureiro Crespo, e construír outras novas: na Eiriña, na contorna da avenida de Vigo e a estación de autobuses ou en Médico Ballina. Neste último enclave, o principal problema reside en que o Ministerio de Fomento aínda non formalizou a cesión dos terreos, vinculados ás obras da chegada do tren de alta velocidade, ao Goberno local.

Outra das liñas de traballo da Concellería de Obras ten que ver coa adaptación de parques infantís para persoas con algún tipo de discapacidade. Quérese copiar o modelo utilizado no das Palmeiras, que conta con elementos que poden ser utilizados por nenos con necesidades especiais.

Bará adiantou, por outra banda, que algúns parques serán recolocados para facilitar o seu uso por parte de nenos de todas as idades. Un deles será o denominado Parque da Seta, situado no barrio de Campolongo, moi preto do edificio administrativo da Xunta. O edil nacionalista considera que este espazo  quedou obsoleto e que o obxectivo é buscar un novo emprazamento para que a infraestrutura dea servizo a máis veciños.

O estudo que encargará o Concello tamén contempla a construción de novos ximnasios ao aire libre para persoas maiores. A finalidade desta proposta é habilitar espazos para que os veciños de máis idade poidan facer exercicio e, polo tanto, mellorar a súa calidade de vida. Estes parques biosaludables son moi comúns en municipios como Ponte Caldelas.

PINTURA. En paralelo a este programa, o Goberno local estudará a posibilidade de pór en marcha unha nova iniciativa contra o feísmo urbano.

A intención é adaptar a iniciativa ‘Derrubando Muros con Pintura’, que o Concello de Carballo iniciou en 2014, para converter o municipio nunha especie de museo ao aire libre a través de murais creados por artistas locais.

Comentarios