O PSOE non logra aliados para sacar adiante o referendo sobre Ence

O BNG defende ante a Marea o uso da praza de touros porque é unha opción "moitísimo máis barata" que outras
Un momento de la sesión plenaria de este lunes
photo_camera Un momento de la sesión plenaria de este lunes

O pleno do Concello de Pontevedra rexeitou este luns sendas mocións, presentadas respectivamente por PSDEG-PSOE e Marea Pontevedra, nas que se solicitaba iniciar os trámites para realizar unha consulta popular sobre a continuidade de Ence e a rescisión do convenio entre a praza de touros e o Consistorio, mediante o cal este utiliza as súas instalacións para diferentes actividades.

En canto á consulta sobre Ence, o portavoz socialista, Agustín Fernández, reiterou que dado que a fábrica de celulosas é o tema "máis controvertido" de Pontevedra deberíase consultar á cidadanía sobre o futuro dos terreos nos que se asenta e que, salvo que se lle prorrogue a concesión, debería abandonar en xullo de 2018. Desde o PP, Jacobo Moreira asegurou que sería unha consulta "viciada" porque cre que os veciños non entenderían a pregunta ao estar exposta en termos urbanísticos; mentres que o concelleiro do BNG César Mosquera apuntou que os partidos que desexan a saída de Ence da ría son "maioría" na corporación, polo que non ve necesidade de preguntar sobre este asunto, sobre todo cando non é de competencia municipal.

Segundo informa Europa Press, en canto ao convenio entre os propietarios da praza de touros e o Concello de Pontevedra, mediante o cal este utiliza as súas instalacións para diferentes actividades, o portavoz de Marea, Luís Rei, sostivo esta cesión de uso é unha "escusa" para seguir apoiando a celebración de corridas de touros en Pontevedra, xa que a praza "non é necesaria" para ningunha das actividades que o Concello organiza nela, nin sequera a xusta medieval da Feira Franca.

César Mosquera recordou que no BNG "fomos os primeiros en opornos aos touros". Asegurou que levan "anos buscando unha alternativa" para usar outros espazos na Feira Franca, a cabalgata de Reyes, o Entroido, as Festas do Verán ou a Ruta Cabalar, pero esta é "moitísimo máis barata" que calquera das consultadas. "é iso ou nos cargamos a xusta da Feira Franca", puxo como exemplo. Aínda así, o nacionalista retou á oposición a que "se alguén atopa onde facer a xusta polo custo que se ten na praza, problema resolto".

Comentarios