O emprendemento valente da Pont-Up Store vai sobre rodas

Eezon e3, Meraki Ferments, Revista Morcego e Beflamboyant Brand son algúns dos premiados ás mellores iniciativas participantes en Pont-Up Store
Foto de familia da organización, premiados e participantes, algúns dos cales suxeitan a lona do teito que veu abaixo polo vento. RAFA FARIÑA
photo_camera Foto de familia da organización, premiados e participantes, algúns dos cales suxeitan a lona do teito que veu abaixo polo vento. RAFA FARIÑA

O da "xente valente" da sexta edición de Pont-Up Store non quedou só no lema. A anécdota da xornada tivo lugar durante a entrega dos premios aos mellores emprendementos, cando a lona da carpa onde transcurría o acto se veu abaixo por culpa dos refachos de vento. Ao final todo quedou nun pequeno susto. Por algo son autónomos. 

O comité organizador valorou e seleccionou as mellores iniciativas empresariais nas diferentes modalidades. Ao acto asistiron Yoya Blanco, concelleira de Promoción Económica de Pontevedra; María del Carmen Fernández Penas, directora territorial de Abanca en Pontevedra; e Pedro Figueroa, director do Pont-Up Store, que manifestou que "o mellor premio para as empresas é estar aquí seleccionadas aproveitando este escaparate e a oportunidade de testar os seus servizos e productos". 

A empresa eezon3 conseguiu facerse co premio ao mellor emprendemento co seu vehículo eléctrico de tres rodas tipo scooter con estética urbana, lixeira e accesible para moverse fácilmente pola cidade, que naceu como spin-out do grupo Marsan, referencia do sector da automoción. O galardón está dotado con un bono de formación no Instituto IESIDE por cortesía de Abanca. 

Na categoría de alimentación e restauración gañou Meraki Ferments, que produce alimentos e bebidas con cualidades probióticas e que son os primeiros en elaborar kombucha en Galicia. Na modalidade de comunicación, deseño gráfico e eventos destacou a Revista Morcego, publicación dixital en galego especializada en videoxogos. En enxeñerías, consultorías e outros servizos o premio foi para MycoGalicia Plantae, unha empresa centrada na xestión e valorización do recurso micolóxico dos montes galegos para o desenvolvemento rural. 

A empresa Magia en la Manga foi recoñecida como proxecto destacado no ámbito da formación, educación, arte e cultura, pola súa proposta de espectáculos de maxia de calidade para calquera evento. 

Na modalidade de turismo, ocio e benestar destacou Toxo Aventura e Natureza, especializada en achegar o deporte de orientación a todo o mundo, ofrecendo probas deportivas que mesturan habilidade, actividade física e contacto coa natureza a partes iguais para toda a familia. En deseño de moda, complementos e decoración gañou a empresa Beflamboyant Brand SL, que fabrica e comercializa zapatillas veganas, sostibles e unisex. 

Por último, na modalidade de TIC e novas tecnoloxías o comité decidiu conceder o premio á proposta de Siente VR, unha produtora de contidos inmersivos a través de fotografía e vídeo en 360 graos, que se dedica a crear experiencias para o sector inmobiliario, turístico, creativo, museos e institucións. Figueroa reiterou a súa satisifacción pola "alta calidade dos proxectos seleccionados nesta edición que é a máis ambiciosa e exitosa da nosa pequena gran historia". Tamén avanzou que a organización seguirá traballando durante o próximo ano para atraer en 2020 as mellores propostas empresariais de recente creación e continuar o camiño de consolidación de Pontevedra como capital galega do emprendemento. 

O Pont-Up tamén recibiu a visita do líder dos socialistas galegos, Gonzalo Caballero, quen gabou á organización; do alcalde, Fernández Lores, e da edil de Promoción da Cidade, Anabel Gulías. 

Así mesmo, houbo unha mesa redonda sobre as axudas da Xunta para emprendemento feminino.

"A moto eléctrica de tres rodas sairá ao mercado a finais de ano"
Florentino Míguez é o director técnico de VMS Automotive, a empresa que está detrás da marca eezon e3. El foi o encargado de recoller o premio ao mellor emprendemento da sexta edición de Pont-Up Store. "Sorprendeunos o premio", explica nada máis rematar o acto. "Sempre é grato que recoñezan o esforzo e as iniciativas dos emprendedores que queren apostar pola innovación e ir un pouquiño máis aló do que están a facer".

En eezon e3 están a desenvolver "unha moto eléctrica de tres rodas, máis segura que unha normal, para facilitar o acceso a unha mobilidade máis áxil" e servir de opción para que non se atreve a subir nunha motocicleta convencional. "Sairemos ao mercado ao finais deste ano", avanza. De momento "estamos traballando con empresas de reparto e servizos e con administracións públicas para que empecen a probar as nosas motos coa idea de comercializalas". A participación no evento foi unha experiencia "moi interesante". "Xúntanse emprendedores de sectores moi diversos e é moi enriquecedor tratar con tantos perfís e inquedanzas diferentes". Miguez subliñou tamén a "curiosidade e a participación dos visitantes", o que "pon a Pont Up Store como unha feira interesante".

Comentarios