Os emprendementos sostibles triunfan na edición máis valente

O Pont-Up Store encherá este venres e o sábado a Praza de España con máis de 60 actividades e 46 novas iniciativas empresarias ▶Ideas de negocio, workshops, charlas, laboratorios creativos e demostracións completan un evento promovido polo Campus CREA
Mesa redonda sobre tendencias
e innovacións nos escenarios,
celebrada este mércores na Facultade de Belas Artes como actividade previa aos días principais. RAFA FARIÑA
photo_camera Mesa redonda sobre tendencias e innovacións nos escenarios, celebrada este mércores na Facultade de Belas Artes como actividade previa aos días principais. RAFA FARIÑA

Zapatillas veganas, scooters de tres rodas, unha cooperativa de porcos celtas, roupa que conta contos... A imaxinación, xunto coa valentía e unha pinga de sorte están detrás dos emprendementos que se visibilizarán o venres e o sábado na praza de España de Pontevedra grazas ao Encontro de Emprendemento Pont-Up Store, que cumpre a súa sexta edición co lema O impulso da xente valente e que ten a sostibilidade e o compromiso social como eixes centrais de boa parte das propostas.

O mércores xa comezou a funcionar o Laboratorio Creativo instalado na Sala X da Facultade de Belas Artes coa mesa redonda Tendencias e innovacións nos escenarios, pero será este xoves cando arrinque o intensa programa previsto de aquí ao sábado. Serán tres intensos días de actividades, ideas de negocio, obradoiros, workshops, charlas inspiradoras e presentaciónns de novas iniciativas empresariais, que supoñen a programación "máis ambiciosa" deste encontro ata o momento, segundo destaca a organización. O Pont-Up está dirixido polo grupo de investigación G4 Plus do campus de Pontevedra baixo o paraugas do Campus CREA da Universidade de Vigo.

Este xoves continúa a actividade deste laboratorio, pero será sobre todo unha xornada protagonizada pola Economía Social e Creativa, con entrada libre ata completar aforo. Durante toda a mañá na Sede Afundación tratáronse os retos que se lles plantexan ás cooperativas do sector cultural a través de varias mesas de experiencias inspiradoras.

Dentro do Espazo Gaming, a Casa das Campás acollerá ás 18.30 horas unha charla técnica arredor da creación de personaxes nos videoxogos. Estará impartida por Alberto Abal, deseñador de Corvus Belli, a empresa galega creadora de Infinity, un wargame de éxito mundial. Abal contará como abordan a creación de pesonaxes para os seus xogos, falándonos da caracterización do público obxectivo, os puntos de partida creativo ou os límites propios.

O Pont-Up Store volverá ter o seu epicentro na carpa situada na praza de España o venres e o sábado, onde será posible coñecer ás persoas valentes que se atreven a emprender e ás que este ano homenaxea o slogan. Poderase comprobar como latexan os 46 emprendementos seleccionados polo seu alto potencial de desenvolvemento entre 168 candidaturas procedentes de toda Galicia, o que supón un incremento do 17% con respecto á anterior edición.

Destas 46 empresas seleccionadas, 34 contarán cun stand gratuíto para mostrar os seus productos, ideas e servizos, e 14 terán tamén a oportunidade de participar no programa de actividades demostrativas, con propostas tan interesantes como demostracións de marketing olfativo, probas con vehículos eléctricos, sesións de formación científico-tecnolóxica para a rapazada, un taller de maxia, un obradoiro de panadería artesá e unha proposta práctica sobre como conseguir a difícil e sen embargo posible tarefa de reducir o noso consumo de residuos plásticos.

SOLUCIÓNS ECOLÓXICAS. Nesta sexta edición destaca a cantidade de empresas de nova creación que plantexan solucións para reducir a pegada ecolóxica desde múltiples ambitos; e tamén as iniciativas para activar o rural galego. De feito, subliña a organización, case a metade das seleccionadas teñen a sostibilidade como liña central do seu negocio.

Entre elas destacan Huella Menguante, unha tenda online de produtos de uso diario orientados a reducir os residuos plásticos, que son reutilizables, biodegradables e de cercanía; Beflamboyant, fabricante de zapatillas veganas; EEzon E3, que propoñen scooters eléctricos de tres rodas para moverse pola cidade, ou D- Raíz, unha marca de complementos de moda sostible manufacturados en Galicia.

Tamén paticiparán Estudio Avelaíña e Cetácea Studio, que fan deseño creativo sostible co obxectivo de "salvar o mundo"; A Factoría Atelier, que se dedica a recuperar mobles e facer creacións artesanais de decoración e complementos a partir de materiais recuperados e sustentables; Meraki Ferments, os primeiros en elaborar Kombucha en Galicia, e Somos Terra, que ofrecen formación en sostibilidade e asesoramento en desenvolvemento sostible.

Farrapos e contos é un movemento ecolóxico, sostible, solidario e consciente creado a partir dunha marca de roupa conta contos; a cooperativa Catro Ventos é unha editora enfocada a publicacións de ecoloxía, consumo sustentable e economía social; Toxo Aventura e Rooteiro ofrecen interesantes propostas de turismo sostible e a cooperativa Triquels axuda a empresas e marcas con valores a mellorar a súa comunicación e sustentabilidade.

Aínda dentro da sustentabilidade, subliña a organización, é "esperanzadora" a cantidade de negocios lanzados desde o rural ou co obxectivo de actívalo. É o caso de MycoGalicia Plantae, que se centra na xestión e valorización do recurso micolóxico dos montes galegos para o desenvolvemento rural; Tres Fuciños, unha cooperativa de porcos celtas criados en liberdade nos montes de castaños e carballos; e Galician Rural Lab, que propón unha plataforma de empoderamento das parroquias do rural galego a través do método da fotografía e o vídeo participativo. Tamén chega do rural A3 Proyectos, dedicada á representación virtual de proxectos de Enxeñaría e Arquitectura.

Outras propostas con base teconolóxica son Kidcode, pero neste caso cun proxecto de formación científico-tecnolóxica para rapaces, enfocado a axudarlos a identificar os seus talentos e habilidades a través da tecnoloxía; TICgal, que dá soporte a unha aplicación opensource chamada GLPI; Nososono, un espazo online onde artistas, deseñadores emerxentes e artesáns expoñen, difunden e venden os seus produtos pensados e fabricados a man; Mundo Escénico, unha plataforma dixital creada co obxectivo de modernizar, democratizar e facer máis accesible o mundo das Artes Escénicas en Galicia, e Koompany Growth Partner, unha consultora de crecemento, negocio dixital e marketing online. Tamén participarán Revista Morcego, publicación dixital centrada exclusivamente en información sobre videoxogos en galego, e Siente VR, unha productora de contidos inmersivos a través de fotografía e vídeo en 360 graos.

A HORA DOS SÉNIOR. Nesta edición o encontro dedicará tamén un espazo a emprendementos liderados por persoas que xa cumpriron co seu ciclo laboral pero queren permanecer activos. Entre outras iniciativas presentarase o proxecto Vulnerables liderado por Xaime Fandiño e destinado a fomentar o envellecemento activo e interxeracional, dando visibilidade ao coñecemento senior a través de actividades lúdicas, artísticas e empresariais nas que colaboran persoas de diferentes idades e xeracións: desde os 20 ata os 70 anos.

A iniciativa conta co respaldo da Universidade de Santiago de Compostela, e ten como mentor a Daniel Jiménez, fundador da plataforma de viaxes e experiencias Waynabox.

Comentarios