
Executará a obra por 157.520,79 euros
O Concello acaba de adxudicar, a través da Mesa de Contratación, a construción do parque infantil de Médico Ballina, polo que competían nove firmas. Será Bricantel España S.L., con sede en Zamora, a que execute a obra por 157.520,79 euros, case un 10% máis barato que os 175.000 euros do orzamento inicial. A actuación ten un prazo de execución de tres meses.
O parque infantil instalarase sobre a cuberta do túnel do tren, na marxe dereita. Ocupará unha parcela de 1.198,42 metros cadrados, onde se pretende crear unha zona de estancia para acompañantes e nenos, así como unha parte traseira con xogos infantís. Na entrada haberá polo menos catro bancos, papeleiras, mesas de xogo e bancos incorporados. Tamén unha zona para xogar ao tenis de mesa e unha fonte adaptada para persoas con mobilidade reducida.
A área dos máis pequenos deberá ter polo menos un xogo inclusivo e randeeiras. O parque contará tamén con tirolina e cun xogo de cesta múltiple.