En Marea emenda os Orzamentos e pide máis investimento na provincia

A formación presentou no Congreso unhas 300 emendas, entre as que se inclúen a petición dunha partida de 15 millóns de euros para o desenvolvemento da rede ferroviaria de proximidade entre Vigo e a capital provincial
Imagen de un tren entrando en la estación de Pontevedra. ADP
photo_camera Imagen de un tren entrando en la estación de Pontevedra

En Marea presentou no Congreso dos Deputados unhas 300 emendas parciais ao proxecto de Orzamentos Xerais do Estado, das cales 184 están destinadas a incrementar as dotacións destinadas a Galicia.

Entre as numerosas propostas figuran emendas que teñen como obxectivo aumentar os investimentos na provincia de Pontevedra, segundo anunciou na mañá deste venres a deputada Alexandra Fernández nunha rolda de prensa celebrada en Vigo.

Fernández asegurou que estas peticións "melloran e aumentan as partidas destinadas a Vigo e ao conxunto da provincia de Pontevedra en materia de infraestruturas viarias, ferroviarias, dotacións culturais e museísticas, medio ambiente e litoral".

Entre elas, destacou unha emenda para a instalación de sistemas de redución do impacto acústico na travesía urbana da AP-9 en Vigo e outra para mellorar os servizos ferroviarios de proximidade, un dos "grandes déficits que temos en materia de infraestruturas ferroviarias".

A deputada censurou "a ausencia de servizos ferroviarios de proximidade" na provincia e explicou que, concretamente, a emenda solicita 15 millóns de euros para o desenvolvemento da rede ferroviaria de proximidade na área metropolitana de Vigo-Pontevedra.

Neste sentido, explicou a proposta de En Marea de relacionar o saída sur cara a Portugal coas proximidades para que se faga "unha conexión que teña maior funcionalidade e racionalidade".

Para a estación intermodal de Vigo, abundou Fernández, En Marea demanda 9 millóns de euros, considerando tamén importante que haxa unha dotación para a ampliación do Parque Tecnolóxico e Loxístico de Valladares, para o que solicitan 2,5 millóns.

No que respecta ás dotacións culturais e museísticas, denunciou que Vigo siga sendo "das únicas cidades da súa dimensión sen biblioteca do Estado" e demandou 100.000 euros de incremento no orzamento para o museo Marco da cidade.

Alexandra Fernández tamén falou das necesidades en materia de infraestruturas de saneamento, como a nova EDAR de Vigo, ou de institucións como o Instituto de Investigacións Mariñas, con base na cidade, entre outras cuestións.

Comentarios