Ence lanza unha nova edición do seu Programa Talento en Pontevedra

Doce graduados nas universidades galegas adentraranse no eido laboral a través da pasteira
Imaxe de Ence á beira da autovía de Marín. GONZALO GARCÍA
photo_camera Imaxe de Ence á beira da autovía de Marín. GONZALO GARCÍA

Apostar polo talento novo e crear oportunidades para os máis novos son os obxectivos cos que a compañía Ence volve poñer en marcha o Programa Talento en Pontevedra.

Tal e como indican desde a pasteira, "o compromiso coa contorna e as comunidades nas que opera é unha das prioridades de Ence, motivada máis, se cabe, pola crise sanitaria e económica causada polo coronavirus". Así, Ence impulsa por sexto ano esta iniciativa que inclúe a contratación dunha ducia mozos e mozas recentemente graduados que se incorporarán ao equipo humano da planta durante un ano completo.

"Trátase dun plan que permite aos universitarios recentemente titulados gozar da oportunidade de iniciar a súa carreira profesional tomando parte activa en diferentes procesos e proxectos dentro da empresa", explican desde a factoría. Dentro das 12 prazas ofertadas, seleccionarase a mozos e mozas que completasen estudos en áreas como Administración e Dirección de Empresas, Publicidade e Relacións Públicas, Relacións Laborais e Recursos Humanos, así como distintas enxeñerías: Industrial, Química, Electromecánica, Enerxía e Técnica Forestal e de Montes. Todas estas titulacións son aplicables, dunha ou outra forma, á actividade da factoría pontevedresa.

Os candidatos que desexen inscribirse no Programa Talento teñen que ser menores de 31 anos, finalizar os estudos nos últimos tres anos nunha das tres universidades galegas, estar anotados no Servizo Público de Emprego Galego e carecer de experiencia profesional directamente relacionada coa súa titulación.

Para acceder á oferta de prazas dentro do programa, as persoas interesadas deberán acudir á páxina web da compañía (ence.es), antes de 9 de outubro de 2020.

Desde a pasteira subliñan que o éxito da iniciativa demostrosue a través dun estudo elaborado tras as pasadas edicións que indica que un 86,96 % dos participantes conseguiu emprego antes dun ano tras o seu paso polo Programa Talento, converténdose así nun "impulso profesional para os titulados e nunha oportunidade única de coñecer de primeira man unha contorna laboral real, nunha industria sostible e que xera unha importante actividade", conclúen.

Comentarios