Entra en vigor a ordenanza que cobrará unha taxa ás empresas de telefonía móbil

A normativa saíu publicada no Boletín Oficial da Provincia este martes

A ordenanza que cobrará unha taxa ás empresas de telefonía móbil entra este mércores en vigor. E faino despois da publicación da normativa no Boletín Oficial da Provincia deste martes.

Os servizos técnicos do Concello estiman que as arcas públicas de Pontevedra poderán ingresar un mínimo de 176.162 euros polos máis de 50.000 metros cadrados que ocupan dous grandes operadores no municipio. Estas compañías poderán acceder a bonificacións de ata o 70% se acreditan que posúen menos de 5.500 liñas telefónicas na cidade.

A orixe desta taxa, cuxa tramitación a nivel local reclamou o PSOE, prodúcese despois das garantías legais dadas polo Tribunal Supremo nunha sentenza de 2016, que permitía o cobro deste tributo. Aquel litixio impulsouno o Concello de Madrid e agora implántase en Pontevedra.

O inicio do cobro deste imposto coincidirá cos trimestres naturais que resten para finalizar o exercicio. Isto é, que as empresas afectadas non recibirán as correspondentes facturas do Concello ata xullo.

A partir de agora, as compañías do sector deberán cumprir cunha serie de requisitos polo uso privativo do espazo público. Estarán obrigadas a presentar, antes do 31 de marzo de cada exercicio, unha declaración con datos como o número de liñas de telefonía móbil que teñen en Pontevedra, as que son fixas, o número de microceldas, repetidores ou elementos similares instalados no termo municipal e a lonxitude da rede que ocupen vías públicas e, no seu caso, aqueles tramos compartidos co Concello.

Comentarios