A entrega dun local de Benito Corbal a Red Madre crea unha forte controversia

Representantes dun colectivo de feministas presentáronse ás portas do acto de entrega de chaves para reivindicar o dereito ao aborto

Reivindicación feminista. GONZALO GARCÍA
photo_camera Reivindicación feminista. GONZALO GARCÍA

A adxudicación dun dos espazos do edificio de Benito Corbal á Asociación Red Madre creou unha forte polémica que vinculou ao concello de Pontevedra e aos colectivos feministas. A concelleira de Igualdade e Benestar, Paloma Castro, criticou que a  Xunta ceda locais públicos a entidades "integristas que atentan cada día contra os dereitos e liberdades das mulleres" e que exclúa a outros que promoven a loita polo  coñecemento científico, o deporte ou contra o cambio climático.

Alfonso Rueda respondeu as acusacións dicindo que "sorprende a intransixencia dalgunhas formacións políticas que cren que o feminismo só é cousa dun partido". O vicepresidente remitiuse a que se deben respectar as ideas de todos aínda que existan diferenzas no xeito de pensar. "Fago un chamamento ao respecto a todas as asociacións que sexan adxudicatarias,  sempre que estean constituídas de xeito legal e cumpran as condicións para, non so desenvolver a sua actividade, senón realizala nestes locais", afirmou. Así mesmo, asegurou que lle sorprenden estas acusacións cando esta asociación recibiu axudas na época do bipartito.

Unha das coordinadoras de Red Madre tamén se pronunciou ante a polémica afirmando que levan en Pontevedra dez anos durante os cales atenderon a unhas 500 familias. "No ano 2018 atendemos a 71 nais coas súas  respectivos fillos a través de dous programas asistenciais: o programa ‘Anxela' e ‘Nais e Fillos'. Esta é a nosa opinión e do que queremos falar".

Tanto a Xunta como Red Madre afirman que o procedemento foi unha concorrencia competitiva cunhas bases pactadas e públicas. Xa que logo, o proxecto elaborado levou a puntuación conseguida en base ás mesmas.

Representantes dun colectivo de feministas presentáronse ás portas do acto para reivindicar o dereito ao aborto que, segundo as mesmas, a asociación Red Madre quere eliminar. "Estamos aquí exclusivamente para dicir que as mulleres non imos dar un paso atrás en canto aos nosos dereitos e se imos mover os pés é sempre para avanzar", afirmou unha das participantes na batucada feminista.
 

Comentarios